A Xunta licita por preto de 262.000 € a mellora enerxética dos xulgados de Marín

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou hoxe o edificio, onde informou das obras previstas
 

O Goberno galego investirá o vindeiro ano 1,6 M€ en obras de eficiencia enerxética nas infraestruturas xudiciais da comunidade
 

O obxectivo é facilitarlles ao persoal e á cidadanía unhas instalacións eficientes e confortables

Marín (Pontevedra), 8 de novembro de 2022 O director xeral de Xustiza, José Tronchoni Albert, visitou o edificio dos xulgados en Marín, para informar das obras de eficiencia enerxética que se licitaron hoxe cun orzamento de case 262.000 euros. A previsión é que as actuacións de mellora comecen a finais de ano e se prolonguen durante tres meses.

 

Segundo sinalou o director xeral, o obxectivo é poñer á disposición do persoal e da cidadanía un edificio eficiente enerxicamente e que garanta a prestación de servizos nas mellores condicións de confort. Trátase de conseguir “unha optimización das instalacións e de reducir o consumo asociado á súa utilización”, apuntou.

 

Así, vanse retirar todas as carpinterías existentes, para a súa substitución por outras novas, ao igual que a iluminación. Tamén se vai modificar o acceso principal coa instalación de cortaventos e dunha porta automática. A maiores, vaise reparar a cuberta, coa incorporación de illamento no falso teito.

 

Na licitación da obra teranse en conta diversos criterios como a oferta económica, a redución do prazo de execución, medidas de promoción da conciliación ou o control de calidade, entre outros. O prazo para a presentación de ofertas é ata o 5 de decembro, 26 días naturais a partir de mañá, día seguinte ao da publicación do anuncio no portal de contratos públicos de Galicia.

 

Investimento de 1,6 M€ en eficiencia enerxética

No seu percorrido polas instalacións, José Tronchoni salientou o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas xudiciais, ás que destinará nos orzamentos do vindeiro ano 1,6 M€ só para obras de eficiencia enerxética. O director xeral referiuse tamén ao investimento de máis de 127 millóns de euros no Plan de Infraestruturas Xudiciais, no que destaca a creación da Cidade da Xustiza de Vigo, á que se destinaron 42 millóns de euros.

 

Segundo indicou, a previsión para 2023 é seguir coa construción de novos edificios xudiciais, cunha contía de 6,3 M€ que se destinarán ao novo edificio xudicial da Estrada, co que unificar os dous órganos xudiciais existentes no concello, así como á nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Santiago de Compostela, dotando a Galicia dunha sede de referencia para a investigación médico-científica legal. Outros 1,6 M€ destinaranse a obras de eficiencia enerxética.

 

Na mesma liña de ofrecer unha xustiza de calidade inclúense outras medidas como 2 M€ ao plan plurianual para a renovación de equipamento e mobiliario dos arquivos e oficinas xudiciais, que se sumarán aos máis de 5 M€ investidos nos últimos anos. Para a catalogación, dixitalización e expurgo dos arquivos xudiciais mellorando o espazo dispoñible reservarase case 1 M€.