A Xunta compromete axuda económica para dotar das infraestruturas necesarias ao circuíto Jorge Prado, de cara a albergar unha proba do Campionato de España

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse con integrantes do Club Motopark Lugo para avanzar no proxecto e garantir a celebración dunha proba nacional a mediados de febreiro

Lugo, 7 de xaneiro de 2022 A Xunta de Galicia comprométese a colaborar economicamente para dotar das infraestruturas necesarias ao circuíto Jorge Prado, na parroquia lucense de Teixeiro, de cara a albergar unha proba do Campionato de España de Motocross. Así o trasladou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, ao presidente e o tesoureiro do Club Motopark Lugo, Miguel Ángel Vázquez e Manuel Deibe, respectivamente, cos que avanzou no proxecto das infraestruturas que deberán acompañar ao trazado do circuíto, se realmente se quere garantir a celebración dunha proba que puntúe para a máxima categoría da competición nacional desta disciplina deportiva.

 

Ademais, no transcurso desta reunión quedou establecido que, de rematar con todas as obras que esixen as competicións de alto nivel, a primeira proba do Campionato de España neste novo circuíto podería celebrarse ao longo da fin de semana do 11 de febreiro, ou ben na do 18 do mesmo mes. O circuíto leva o nome do piloto de motocross lucense Jorge Prado, que vén de acadar a terceira posición no Campionato Mundial de MotoCross MXGP.

 

 

A Xunta de Galicia agarda pechar o antes posible a contía económica que se destinará a esta nova infraestrutura deportiva, co obxectivo de que se converta nun novo percorrido onde celebrar probas nacionais e internacionais. Neste sentido, Javier Arias sinalou que “dados os espazos e infraestruturas que debe ter o novo circuíto, tales como paddock, peche perimetral da pista con medidas de seguridade e peches interiores, luz e auga, amais de zona de saída, sería necesario chegar a algún tipo de convenio a tres bandas entre Xunta de Galicia, Concello e Deputación de Lugo para acometer as obras no menor tempo posible”.

Imaxes relacionadas