O titular do Goberno galego mantivo unha reunión con representantes dos transportistas de mercadorías por estrada afectados polo derrubamento do viaduto

O presidente da Xunta esixe ao Goberno central unha solución que dea resposta ás necesidades dos transportistas polos cortes na A-6 derivados da caída do viaduto

Sostén que a alternativa fixada polo Ministerio é “ineficaz” porque causa retrasos de 20 minutos e obriga aos transportes especiais a buscar outras rutas, situacións que aínda se vai agravar máis coa chegada do mal tempo

Agarda que na reunión convocada para o día 15 se acorden medidas factibles e pide os informes técnicos “para poder analizalos en profundidade”

Avanza que nesa reunión a Xunta dará traslado da proposta dos transportistas, para poder empregar o desvío actual en sentido entrada a Galicia, en lugar de en sentido Madrid como ata agora, e utilizar a nacional en sentido saída

Subliña que a solución definitiva non pode ser reabrir no 2023 só un dos viadutos inutilizados, senón recuperar os catro carrís, e demanda ao Goberno central que escoite aos afectados
 

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esixiu ao Goberno central unha solución para os cortes na A-6 derivados do derrubamento do viaduto que dea resposta ás necesidades dos transportistas. Tras manter unha reunión cos afectados, o titular do Goberno galego cualificou como “ineficaz” a alternativa fixada polo Ministerio de Transportes e demandou que se escoite aos representantes do sector “porque son os que coñecen o problema”.

A este respecto incidiu en que, na próxima reunión convocada polo Ministerio para o vindeiro día 15 de novembro, a Xunta dará traslado da proposta feita polos transportistas, que consiste en poder empregar o desvío actual habilitado en sentido entrada a Galicia, en lugar de en sentido Madrid como ata gora; e para a saída, poder empregar a nacional, pasando polo centro de Pedrafita. Deste xeito, segundo destacaron os representantes do sector, evitaríase a forte pendente e a curva do desvío en sentido Madrid, que complica o paso dos camións pola zona.

No encontro en San Caetano puxéronse enriba da mesa os problemas aos que xa se enfrontan os transportistas pero que se van ver agravados coa chegada do mal tempo, xa que a alternativa en vigor causa retrasos de 20 minutos, tendo en conta que unha parte do percorrido é pola zona urbana de Pedrafita do Cebreiro, e obriga os transportes especiais a buscar outras rutas ao non poder circular pola N-VI, unha situación que, recordou Rueda, agrava aínda máis o difícil momento que viven os profesionais do sector, afectados pola suba do combustible e polas consecuencias xerais da crise económica.

O presidente da Xunta referiuse á convocatoria por parte do Goberno central dunha reunión cos representantes institucionais de Galicia e Castela e León para o vindeiro día 15, unha cita na que “agardamos que se aclaren as causas do colapso e se acorden medidas para facilitar o tráfico na zona. Rueda subliñou que o Goberno galego comprende e comparte a preocupación dos transportistas porque en cinco meses que pasaron desde o derrubamento do viaduto “non se habilitou unha solución provisional eficaz” e porque coa chegada da neve a proposta que ofrece o Goberno central é circular 55 km. máis, desviando o tráfico, tanto de entrada como de saída a Galicia pola N-120, “que non é unha opción viable” xa que supón un custo adicional aos transportistas de 100 euros por sentido.

O mandatario do Goberno galego denunciou, ademais, que tampouco hai prazos que permitan calcular canto tempo se vai alongar esta situación, xa que polo menos no que respecta ao Goberno galego, non se recibiu información sobre as previsións que manexa o Goberno de España.

Reabrir os catro carrís

Alfonso Rueda insistiu en que a única solución definitiva ao problema de comunicación que sofre Galicia é a reapertura dos catro carrís de circulación da autovía, e que reabrir no 2023 só dous deles non é viable.

O presidente da Xunta lamentou o tempo perdido no desmonte da parte do viaduto que quedara en pé hai cinco meses e tamén que non se tiveran en conta as tres propostas alternativas, acompañadas do corresponde informe orzamentario, que a Xunta fixo chegar ao Ministerio de Transportes no mes de xuño e que permitirían o tránsito do transporte especial e evitarían o tráfico polo centro de Pedrafita do Cebreiro. “Lamentablemente as nosas propostas non foron escoitadas”, recordou Rueda.

“É incomprensible que case cinco meses despois do colapso do viaduto non teñamos información clara e detallada sobre as causas que o provocaron”, lamentou o presidente da Xunta, quen recordou que o derrubamento tivo lugar logo dunha intervención de emerxencia na que se investiran 26 millóns de euros.

Ante a gravidade do problema e as consecuencias que está a xerar nas comunicacións dos transportistas en particular, e de toda a sociedade galega en xeral, Rueda advertiu de que a Xunta demandará o día 15 “a máxima claridade e explicacións certeiras da causa da derruba, así como que se habilite canto antes “unha solución provisional que si sexa útil e eficaz para os transportistas”. O presidente da Xunta esixiu que o Goberno central “afronte con seriedade un dos problemas máis importantes que ten a rede viaria estatal neste momento”.

Imaxes relacionadas