Fernández-Tapias destaca a función dos centros sociocomunitarios como espazos de convivencia e envellecemento activo

A delegada territorial da Xunta en Vigo compartiu parte da xornada de hoxe cos usuarios e usuarias do centro vigués de Coia

A Consellería de Política Social destina 328.000 euros anuais ao funcionamento dos 6 centros sociocomunitarios que forman a rede pública galega no concello vigués

Nas instalacións de Coia destacan as actividades relacionadas co ioga, o pilates e o Taichi; os talleres de pintura, memoria e novas tecnoloxías; e teatro, danza e baile

Vigo, 7 de novembro de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, compartiu a xornada de hoxe cos usuarios e usuarias do centro sociocumunitario de Coia, cos que tivo oportunidade de dialogar, compartir algunhas das actividades que nel se imparten e coñecer de primeira man a súa experiencia.

Neste sentido, a representante autonómica destacou o importante papel que xogan estes equipamentos, pertencentes á Administración galega e abertos a toda a cidadanía nos que se fomenta o desenvolvemento de actividades tanto de formación como de animación sociocultural dirixidas a propiciar as relacións entre os distintos sectores da poboación, cunha especial dedicación ás accións relacionadas coa prevención da dependencia e a autonomía persoal.

Fernández-Tapias destacou así a función destes centros como espazos de convivencia entre distintas xeracións e de envellecemento activo, propiciando unha vida activa e participativa mediante a programación de actividades.

Na actualidade a Xunta conta en Vigo con 6 centros deste tipo, dos que desfrutan 30.000 usuarios e usuarias e aos que destina 328.000 euros de media ao ano para gastos de mantemento e realización de actividades, ademais de chegar a acordos con entidades que usan estes espazos para a realización das súas actividades de inscrición libre. 

Concretamente, nas instalacións de Coia destacan as actividades relacionadas co ioga, o pilates e o Taichi; os talleres de pintura, memoria e novas tecnoloxías; ou as clases de idiomas, teatro, danza e baile. Asemade, dispón de servizo de cafetería e lectura de prensa diaria, permanecendo aberto ao público todos os días da semana.

Imaxes relacionadas