A Xunta adxudica por case 85.000 € o primeiro dos traballos para restaurar os hábitats das illas cíes, ons e sálvora no marco do proxecto transnacional ‘LIFE insular’
A actuación consistirá na retirada de especies exóticas invasoras nos tres arquipélagos e a súa execución estenderase ata decembro do ano que vén
O obxectivo principal da iniciativa, con participación galega, canaria e irlandesa, é implementar unha estratexia de conservación sostible das dunas costeiras e dos queirogais secos presentes en espazos insulares atlánticos pertencentes á Rede Natura 2000 co reto de reverter a situación da súa paisaxe á de fai 70 anos
A Xunta acaba de adxudicar por un importe de case 85.000 euros o servizo para eliminación de especies exóticas invasoras no Parque Nacional marítimo-terrestre das illas atlánticas de Galicia. Trátase da primeira das actuacións que se impulsan no marco do chamado LIFE Insular, un proxecto transnacional cunha vixencia prevista de 5 anos e que ten como fin acadar a restauración integrada dos hábitats insulares dos arquipélagos de Cíes, Ons e Sálvora.
Cómpre subliñar que o obxectivo principal do proxecto LIFE Insular é promover un estado de conservación favorable dos hábitats de illas pertencentes á Rede Natura 2000 no Océano Atlántico, ao tempo que se aumenta a súa resiliencia como medida de adaptación ao cambio climático. A tal fin, porase o foco de atención sobre 8 Zonas de Especial Conservación localizadas en 5 illas que son —ademais das tres galegas xa citadas— La Graciosa, en Canarias, e Irlanda.
Minimizar os efectos do cambio climático
A través da iniciativa LIFE Insular minimizarase o impacto de posibles perturbacións externas sobre as zonas de actuación —risco de vendavais, erosión eólica catastrófica...— e buscarase tamén unha recuperación da paisaxe natural destas illas co reto de “reverter” a situación á que había 70 anos atrás.
Así mesmo, o proxecto inclúe unha estratexia de sensibilización e difusión pública mediante xornadas en datas sinaladas, como o Día da Rede Natura 2000 ou o Día europeo dos parques nacionais, así como accións de voluntariado, talleres escolares e colocación de paneis informativos, entre outras. Por último, tamén se prevé un plan de conservación unha vez rematado o LIFE Insular —con data de finalización prevista para o 31 de decembro de 2026—, o que permitiría darlle seguimento e continuidade.
Cun orzamento de máis de 5,2 millóns de euros a executar ata 2026, á Xunta corresponderanlle case 750.000 euros, dos cales 300.000 euros irán destinados a gastos en investimentos; mentres que a USC terá un financiamento asignado de 1,08 millóns como beneficiario coordinador.