A Xunta acorda coas deputacións da Coruña e Lugo aplicar as melloras na prestación dos seus servizos de emerxencias ao igual que na provincia de Ourense

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, abordaron hoxe na reunión da Comisión de seguimento dos convenios de colaboración dos GES a renovación dos acordos nestas dúas provincias coas melloras propostas pola Xunta xa o ano pasado para completar o mapa de emerxencias na comunidade

O Goberno galego celebra que en ambas provincias se vaian a poder implantar as novas medidas evitando a desigualdade de condicións dos traballadores dos seus grupos respecto aos dos 12 GES da provincia de Ourense debido a que a Deputación ourensá foi a única que aceptara a iniciativa da Xunta

A Administración autonómica pon en valor o seu compromiso na mellora da atención ás emerxencias en todo o territorio pese a tratarse dunha competencia dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menos poboación

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022

A Xunta acordou hoxe coas deputacións provinciais da Coruña e Lugo avanzar na renovación do convenio sobre a creación e implantación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que vence a finais de ano. En 2023 o acordo si incluirá para os 8 grupos da Coruña e os 7 de Lugo as melloras propostas polo Goberno galego o ano pasado e que xa se veñen aplicando desde xaneiro nos 12 GES da provincia de Ourense.

Así se abordou hoxe na reunión da Comisión de Seguimento dos convenios de colaboración entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as deputacións da Coruña e Lugo neste ámbito. Ao encontro asistiron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto a representantes de ambos organismos provinciais e da FEGAMP.

Cómpre lembrar que o ano pasado só a Deputación de Ourense e a FEGAMP aceptaran aplicar as melloras previstas pola Xunta para renovar o convenio en toda a comunidade.

A decisión das deputacións provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra de rexeitar a proposta do Goberno galego impediu formalizar un convenio único como se viña facendo desde a creación dos GES en 2013 e obrigou á sinatura de tres acordos distintos. Isto é, un coa Deputación de Ourense por tres anos incluíndo os aumentos de plantilla e de custos salariais nos GES da provincia, outro coa Deputación de Pontevedra por 2 anos coas condicións anteriores que vence o próximo ano e un terceiro conxunto entre as deputacións da Coruña e Lugo por un ano que se renovará o próximo mes e que en 2023 si recollerá a proposta xa formulada pola Xunta o ano pasado.

A Xunta celebra a decisión das dúas deputacións de sumarse á iniciativa da Administración autonómica que xa vén funcionando este ano en Ourense co obxectivo de mellorar as condicións dos concellos e dos efectivos dos servizos de emerxencias e, por tanto, na atención as incidencias en todo o territorio galego.

 

Coa finalidade de completar e mellorar o mapa de emerxencias da comunidade optimizando a cobertura e os tempos de resposta, a Xunta avogaba, entre outras medidas, por un incremento do persoal para que todos os GES teñan 12 efectivos – así se fixo na provincia de Ourense cos subGES de Lobios, Muíños, Laza, Ribadavia e Avión coa contratación de 16 persoas-, equiparar o custo dos 4 servizos municipais de emerxencias da comunidade ao resto de GES e actualizar o custo salarial dos grupos. A proposta tamén incluía a creación do subGES con seis efectivos no Grove que, debido ao rexeitamento da Deputación de Pontevedra non foi posible.

 

A próxima renovación do convenio coas deputacións coruñesa e lucense implicará a equiparación do custo dos catro servizos municipais de emerxencias da comunidade, o de Noia pasará dun custo anual de 155.000 a 320.000 euros, ao igual que o ano pasado na Mancomunidade de Celanova. Nos outros dous servizos municipais de emerxencias -Sanxenxo e Ponteareas- non será posible ata que a Deputación de Pontevedra acepte renovar o acordo nas mesmas condicións.

 

Por outra banda, a actualización dos custos salariais dos efectivos dos 15 grupos destas provincias para adaptalos ao seu custo real na actualidade respecto ao primeiro convenio asinado en 2013 supón un incremento anual de 40.000 euros por GES, pasando de 280.000 a 320.000 euros anuais por grupo. Así, evitarase que nestas dúas provincias se siga dando coma este ano a desigualdade de condicións entre os traballadores destes servizos de emerxencias en comparación coas dos efectivos dos GES de Ourense.

 

Pese a que atención ás emerxencias é unha competencia de carácter local, que corresponde ao concellos de máis de 20.000 habitantes e ás deputacións provinciais nos municipios de menos poboación, a Xunta mantén o seu compromiso para colaborar no seu funcionamento desde a posta en marcha destes grupos en 2013 en colaboración coas deputacións provinciais e a Fegamp.

 

O Goberno galego asume máis da metade do custo anual destes grupos e leva investidos máis de 40 millóns de euros no seu mantemento e outros 9 millóns para dotalos do equipamento necesario para levar a cabo as súas intervencións con seguridade. 

 

Ademais, nos últimos anos leva feito un importante investimento no reforzo dos servizos de emerxencias dos concellos -tanto GES como Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC)- con máis de 64 millóns destinados ao seu funcionamento, equipamento e formación.

Imaxes relacionadas