Luis López anuncia que a Xunta executará ou activará 600.000 € en investimentos nos vindeiros meses no Concello de Portas

O delegado territorial presidiu este mediodía a sesión mensual da Comisión Territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, celebrada na Casa do Concello ao abeiro do seu percorrido itinerante pola provincia, que xa a levou por Oia, Covelo, O Grove, Campo Lameiro, Lalín, Marín, Pontecesures, Rodeiro e O Porriño

“A Xunta de Galicia ten un firme compromiso co desenvolvemento dos concellos rurais e de interior como Portas, e tras investir na mellora de pistas, nas infraestruturas enerxéticas, o centro de día e a escola infantil, xa traballamos en catro actuacións máis”, explicou o representante autonómico

Luis López, que xunto aos xefes territoriais foi recibido polo alcalde, Ricardo Martínez, e por outros membros do goberno local, concretou que os próximos investimentos serán a depuradora de Ponte Chaín, o acondicionamento integral da zona exterior do albergue, o PIR en Portas e a parcelaria de Briallos

Portas, 7 de novembro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este mediodía que o Goberno galego executará ou activará investimentos por 600.000 euros nos vindeiros meses no Concello de Portas, segundo se analizou na sesión mensual de novembro da Comisión Territorial de Coordinación da Delegación da Xunta en Pontevedra celebrada hoxe no salón de plenos da Casa do Concello.

“A Xunta de Galicia ten un firme compromiso co desenvolvemento dos concellos rurais e de interior como Portas, e tras investir recentemente na mellora de pistas, nas infraestruturas enerxéticas, o centro de día e a escola infantil, xa traballamos en catro actuacións máis, apostando de xeito global polas súas necesidades cuns investimentos, que son perfectamente visibles, que proceden de todas as consellerías e que amosan o ánimo do Goberno galego para colaborar co seu futuro e coa calidade de vida dos veciños”, explicou o representante autonómico.

O delegado territorial, acompañado pola secretaria territorial e pola ducia de xefes territoriais das distintas consellerías que conforman este órgano, foi recibido na Casa do Concello de Portas polo alcalde, Ricardo Martínez, e por outros membros do goberno local e agradeceu a acollida no municipio para celebrar esta comisión ao abeiro do seu percorrido itinerante por toda a provincia.

No marco desta política de descentralización e cercanía da Delegación da Xunta en Pontevedra por todo o territorio da área provincial, estas xuntanzas de traballo xa se celebraron anteriormente nos municipios de Covelo, Oia, O Grove, Campo Lameiro, Lalín, Marín, Pontecesures, Rodeiro e O Porriño.

Na reunión fíxose un estudo de situación das principais cuestións da Xunta de Galicia nos 47 concellos da área territorial, abordando a situación sanitaria da pandemia da covid-19 e a actual inoculación da cuarta dose da vacina, os Orzamentos 2023, a posta en marcha dos Bonos Activa Comercio, o Bono Cultura e o Bono Turístico 2022 ou os niveis de emprego e outras cuestións de índole socioeconómica, entre outras.

Así mesmo, e tal e como se fai en cada municipio que acolle a comisión, analizáronse polo miúdo os investimentos da Xunta, neste caso os 600.000 euros que se adicarán ao Concello de Portas nos vindeiros meses, co obxectivo de trasladar diversos aspectos ás distintas consellerías para que a súa xestión sexa o máis áxil posible.

Así, comprobouse a axeitada finalización da pista deportiva de Mondoiro, a mellora de pistas en Cachada, Almirante e Tras do Río co Plan Marco, as instalacións de enerxía fotovoltaica, o punto de carga de vehículos eléctricos, a posta en marcha do punto limpo móbil e o estado da escola infantil e do centro de día, ao tempo que se programou, como investimentos inminentes, a próxima execución da reforma da depuradora de Ponte Chaín, o acondicionamento exterior e dotación de servizos no albergue de peregrinos, a execución do Plan de Infraestruturas Rurais na parroquia de Portas ou os avances na concentración parcelaria de Briallos, pendente da toma de posesión provisional dos predios resultantes.

Imaxes relacionadas