O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, presentan o proxecto do espazo

A Xunta investirá máis de 4,8 M€ na nova sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da Universidade de Santiago

Renovarase o inmoble actual e habilitaranse novos espazos no mesmo para dotalo de máis locais dedicados a laboratorios e investigación


O conselleiro destaca a actuación “no marco da estratexia do Goberno galego de mellorar as infraestruturas científicas e de investigación para seguir avanzando na excelencia do noso sistema”


A acción enmárcase na estratexia do Goberno galego de mellorar as infraestruturas científicas e de investigación para seguir avanzando na excelencia do noso sistema


No 2023 investiranse 10,5M€ nun plan de mellora de infraestruturas universitarias para realizar actuacións de reforma en edificios das universidades públicas
 

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia investirá máis de 4,8M€ na nova sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) no Campus Sur de Santiago de Compostela. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, presentaron esta mañá o proxecto deste novo espazo, un acto, no que tamén participou o director do instituto, Carlos Alberto Salgado.

 

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou o IGFAE como “un centro que representa á perfección o nivel investigador da nosa Comunidade, referente no campo da física de alta enerxía, na física de partículas e nuclear e que acolle a membros que teñen recibido algunhas das axudas de maior prestixio dentro do sector como son as Starting Grant e Advanced Grant”.

 

Neste sentido, salientou que a excelencia e o volume da actividade investigadora que se realiza neste centro fai necesario dotalo “dunhas instalacións renovadas e ampliadas para seguir reforzando e impulsando as liñas de investigación deste instituto”.

 

O proxecto de nova sede do IGFAE é posible grazas a un convenio financiado pola Xunta. Trátase dunha actuación mixta, de acondicionamento do xa edificado no interior do inmoble actual e de execución dun novo volume en planta baixa, grazas á que se dotará ao IGFAE de novos espazos dedicados a laboratorios e investigación. Acadarase unha superficie total de 4.880,15 m² dos que 348,5 m² corresponden ao volume de ampliación, para o que se empregarán os espazos dos andares -1 e -2 do edificio Monte da Condesa que xa ocupaba o Instituto, acrecentados cos locais anexos que ocupaba a antiga cafetería e mais os espazos ocupados por grupos de investigación que xa non están presentes neses locais.

 

“En definitiva, unha actuación que se enmarca na estratexia da Xunta de Galicia de mellorar as infraestruturas científicas e de investigación para seguir avanzando na excelencia do noso sistema”, incidiu Román Rodríguez.

 

Proxectos en Ferrol e Vigo

A actuación enmárcase no convenio entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e as tres universidades galegas para mellorar as súas infraestruturas de investigación. Cunha dotación global de máis de 6M€, este acordo inclúe tanto a nova sede do IGFAE como a redacción do proxecto de construción do Centro de Investigación en Industria Intelixente do Campus Industrial de Ferrol, da Universidade da Coruña, e crear o proxecto para unha nova sede para o Centro de Investigación Mariña, na ETEA, da Universidade de Vigo.

 

O Goberno galego está a desenvolver tamén, en colaboración coas universidades, un plan de mellora de infraestruturas para realizar actuacións de mellora en edificios ou espazos universitarios destinados a docencia e investigación, que no 2021 contou cun adianto de 4,5M€. Nos orzamentos do 2023 este plan contempla un total de 10,5M€ para actuacións de mellora equipamentos, para incrementar a eficiencia dos espazos universitarios ou crear novas infraestruturas de docencia.