A unidade mixta de investigación Aquatim incorpora a innovación e a dixitalización ao ciclo da auga

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participaron na presentación desta alianza estratéxica entre o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) e as empresas Aqualia e Trainasa, que conta cola colaboración da Xunta


Permitirá avanzar nunha xestión máis eficiente e sostible do ciclo da auga, así como na consecución de retos sociais globais como a mitigación do cambio climático e a descarbonización da economía


Esta Unidade Mixta é a segunda centrada na xestión sostible da auga e unha das 55 desenvolvidas en Galicia desde o ano 2014 co apoio da Administración autonómica que teñen mobilizado preto de 155 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participaron esta mañá no acto de presentación da nova Unidade Mixta de Investigación Aquatim, impulsada polo Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) e as empresas Aqualia e a súa filial Trainasa co apoio da Xunta de Galicia, e que ten por obxectivo de implementar un ciclo da auga circular, eficiente, seguro e resiliente.

 

Dotada cun orzamento total de máis de 2 millóns de euros ata 2025 (un 40% de fondos públicos), esta Unidade Mixta persegue avanzar no estudo e implementación de novas tecnoloxías ao longo de todo o ciclo da auga a través da innovación e a dixitalización para obter novas fontes de enerxía limpas; novos recursos naturais e un uso eficiente dos mesmos; a protección dos ecosistemas e a biodiversidade; a dixitalización do ciclo integral da auga; e a introdución de melloras para asegurar a calidade das masas de auga, contribuíndo deste xeito á mitigación do cambio climático e a descarbonización da economía.

 
 

Durante a presentación de Aquatim, a directora da Axencia Galega de Innovación destacou a importancia de incorporar a innovación e a dixitalización ao ciclo da auga para conseguir unha xestión máis sostible, eficiente e resiliente do ciclo da auga e contribuír a aliñar a Galicia cos obxectivos do Pacto Verde Europeo e da transición ecolóxica. Neste sentido, Argerey apuntou que esta Unidade Mixta está aliñada cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) na medida en que contribúe a unha xestión máis innovadora dos recursos naturais a través da innovación e avanza na sustentabilidade, aplicando diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para progresar na descarbonización das cadeas de valor e na sustentabilidade dos recursos naturais de Galicia, xerando ademais oportunidades para a súa diversificación.

 

Pola súa banda, a directora de Augas de Galicia salientou a importancia desta unidade mixta de investigación como instrumento que favorecerá a cooperación entre os distintos organismos de cara a acadar a xestión integral do ciclo da auga desde a innovación. Así, situou como novos retos a eliminación de contaminantes emerxentes en augas potables e residuais; a valorización de produtos dos subsectores agro-gandeiros, industriais e especialmente da industria alimentaria; a redución dos consumos enerxéticos; ou a incorporación de fontes de enerxía alternativas nos procesos de xestión do ciclo da auga.

 

Ademais, apostou por avanzar na dixitalización e no uso de ferramentas de intelixencia artificial para coñecer o funcionamento dos sistemas, non só nas redes de abastecemento e saneamento, senón tamén nos sistemas naturais. A directora de Augas de Galicia defendeu a importancia de seguir buscando novos camiños para innovar na xestión da auga, partindo do aprendido e traballando de xeito conxunto administracións, universidades, empresas e centros tecnolóxicos.

 

A este respecto, puxo de exemplo as colaboracións desenvolvidas por Augas de Galicia con universidades, empresas ou investigadores no deseño de ferramentas de predición de inundacións, como o programa Artemis e Merlín, ou para a detección da COVID-19 en augas residuais urbanas. Tamén se referiu aos proxectos desenvolvidos con centros tecnolóxicos, como Aqualitrans, unha iniciativa que finalmente animou á Xunta a lanzarse a outras iniciativas como o Innovaugas 4.0, para a xestión avanzada dos recursos hídricos galegos, procurando consorcios para a resolución de retos complexos a través da compra pública innovadora.

 

Unidades Mixtas de Investigación

As Unidades Mixtas de Investigación son un instrumento de cooperación entre organismos de investigación e o tecido empresarial impulsado pola Xunta de Galicia para desenvolver conxuntamente actividades de I+D+i estratéxicas para Galicia co obxectivo de impulsar a transferencia de I+D ao tecido industrial e a atracción de empresas cara Galicia. Desde a súa posta en marcha en 2014, a Xunta de Galicia apoiou 55 Unidades Mixtas de Investigación, coa participación de 39 empresas -a maioría grandes compañías- e 14 centros de coñecemento e un investimento mobilizado de preto de 155 millóns de euros.

 

No ámbito da auga, Aquatim súmase á UMI Centro de Innovación Galego de Sistemas Avanzados de Tratamentos de Auga (CIGAT), impulsada polo centro tecnolóxico Cetaqua e a empresa Viaqua desde o ano 2015 e que actualmente ten constituído un Centro Mixto de Investigación, no ámbito da xestión sostible da auga. Cigat está traballando na reintrodución de residuos de orixe industrial, urbano, agrícola e rural na cadea produtiva, converténdoos nun recurso esencial para a transición de Galicia cara unha bioeconomía circular e resiliente.