Lorenzana sinala que os Polos de emprendemento e apoio ao emprego impulsarán o motor económico de Galicia co foco posto na muller e na mocidade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade destacou hoxe na presentación do Informe GEM Galicia 2021-2022 que as Contas 2023 do departamento autonómico destinan 18,2 millóns para promover iniciativas emprendedoras en todas as súas fases
 

A Xunta tecerá 12 polos para asesorar aos emprendedores e convocará axudas para apoiar as etapas iniciais dos proxectos, consolidar os que queiran expandirse e afondar no coñecemento e na situación do emprendemento en Galicia

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe en Santiago de Compostela, na presentación do Informe Executivo GEM Galicia 2021-2022, que o Orzamento 2023 do seu departamento autonómico dedicará 18,2 millóns de euros a impulsar o emprendemento en Galicia.

 

Lorenzana detallou que con este investimento seguirase, con 9,2 millóns de euros, expandendo a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta que a finais deste ano contará con dúas oficinas máis (uniranse as de Monforte de Lemos e Ferrol ás de Silleda, Coristanco e Verín) e en 2023 a rede sumará un total de 12 polos; ao tempo que se destinarán outros nove millóns de euros a axudas para fomentar o emprendemento nas súas etapas iniciais, consolidar os proxectos que queiran expandirse e afondar no coñecemento e na situación do emprendemento en Galicia, e así desenvolver medidas adaptadas á realidade galega.

 

“Apostar polo emprendemento é avogar polo futuro e polo motor económico de Galicia”, indicou a conselleira, quen apuntou que a Xunta desenvolve esta premisa desde unha perspectiva feminina e co foco tamén posto na mocidade. Na súa intervención centrouse no papel da muller emprendedora, lembrando o seu protagonismo en Galicia, que vén demostrado, tal e como apuntou, pola consolidación do programa Emega, que desde 2009 permitiu a creación de 2.084 empregos femininos e o mantemento doutros 648. “Son máis de 18,4 millóns de euros investidos nos últimos 13 anos”, afirmou a conselleira, avanzando que para 2023 esta iniciativa contará con case 4 millóns de euros.

 

O crecemento do emprendemento feminino tamén reflíctese no informe GEM que destaca que as mulleres emprendedoras consolidan o seu liderado na fase central do proceso emprendedor, cunha taxa do 5,3% fronte ao 4,4% dos homes; e as iniciativas consolidadas en 2021 aumentan con respecto a 2020 estando lideradas en maior medida por mulleres (un 9,3% fronte ao 8%).

 

A conselleira, ademais, resaltou que “emprender tamén é apostar polo emprego autónomo e pola economía social” e, ao respecto, lembrou que os orzamentos de 2023 de Promoción do Emprego e Igualdade reservan 57 millóns de euros para as persoas traballadoras autónomas, dos que 30 millóns destinaranse a axudas directas, ao novo programa Impacto Autónomo, para axudalas a facer fronte ao pagamento das súas facturas; e para a economía social investiranse 42 millóns, un 21% máis que este ano.

“Visibilizar e apostar polo emprendemento é unha oportunidade para o desenvolvemento sostible e inclusivo e contribuír ao empoderamento das mulleres reduce as desigualdades de xénero e fortalece as economías locais”, afirmou Lorenzana, quen para concluír sinalou que a Xunta seguirá fortalecendo o emprendemento baixo a marca Xempre Contigo, a nova estratexia da Xunta en materia laboral con actuacións dirixidas á formación para o emprendemento, potenciando as capacidades de cada persoa para casar oferta e demanda.

Imaxes relacionadas