A Xunta avanza con Forestal do Atlántico na tramitación do proxecto Triskelion

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, mantivo unha reunión de coordinación cos promotores da iniciativa, que foi declarada Proxecto Industrial Estratéxico

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2022

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, mantivo unha reunión cos promotores da iniciativa Triskelion para constituír o grupo de traballo que vai desenvolver a aprobación conxunta e prioritaria desta actuación que foi declarada polo Consello da Xunta como Proxecto Industrial Estratéxico.

 

Nesta primeira reunión analizáronse as autorizacións precisas para o desenvolvemento deste proxecto e deseñouse unha folla de ruta para a tramitación unificada nun só procedemento de todas estas autorizacións, o que suporá, tal e como explicou a secretaria xeral, a redución á metade dos prazos —agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos— mantendo as garantías técnicas, xurídicas e medioambientais.

 

Forestal del Atlántico traballa na implantación dunha planta de metanol verde en Mugardos (A Coruña). Coa súa posta en marcha, converterá as súas emisións de CO2 en metanol e osíxeno verdes, a través dun proceso innovador e verdadeiro exemplo de economía circular que terá un notable impacto socioeconómico na comarca cun investimento de 176M€ e a previsión de crear 40 empregos directos. Tras a posta en marcha das instalacións, o proxecto Triskelion contribuirá así á descarbonización do sector industrial galego.

 

O obxectivo principal do proxecto é a fabricación de metanol verde a partir de dióxido de carbono capturado nas actuais instalacións da empresa, e de hidróxeno producido por electrólise da auga utilizando enerxía eléctrica de orixe renovable. Obterase tamén no proceso osíxeno que se licuará e almacenará para a súa comercialización. A produción que se alcance permitirá cubrir a demanda enerxética da propia compañía e destinar parte para a súa venda directa como materia prima de cara á fabricación de biocombustibles.

 

A iniciativa súmase á declaración tamén como proxecto industrial estratéxico de H2Pole, a planta de hidróxeno verde promovida por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes; e á de Sentury Tire para implantar unha fábrica de pneumáticos tamén nas Pontes. Estas tres iniciativas suporán unha mobilización global de máis de 863 millóns de euros e ao redor de 850 empregos.

Imaxes relacionadas