O presidente da Xunta interveu no acto de entrega de medallas ao mérito de Protección Civil e distintivos de permanencia na Protección Civil de Galicia

Rueda destaca os valores das agrupacións de Protección Civil para que Galicia siga avanzando como sociedade moderna e solidaria

“É moi gratificante ver que cada vez que se convoca a Protección Civil, cada vez que fai falta, aí estades”, dixo no acto que tivo lugar na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp)

Agradece tamén a entrega e profesionalidade da Garda Civil e do Exército en todas as actuacións que levan a cabo en Galicia

A Estrada (Pontevedra), 5 de novembro de 2022 O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou os valores e o traballo solidario que desempeñan as agrupacións de Protección Civil e que contribúen a que Galicia siga avanzando como sociedade moderna e solidaria.

Na entrega de medallas ao mérito de Protección Civil e de distintivos de permanencia na Protección Civil de Galicia, Rueda agradeceu o labor dos 5.000 voluntarios que ten a Comunidade e dixo que os galegos “temos moitas cousas das que estar orgullosos e de que presumir sobre a Protección Civil”. O presidente da Xunta tamén puxo en valor a entrega e a profesionalidade da Garda Civil e do Exército, que foron igualmente recoñecidos no acto que se celebrou hoxe na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) da Estrada.

O presidente da Xunta recordou o labor diario dos voluntarios. “É moi gratificante ver que cada vez que se convoca a Protección Civil, cada vez que fai falta, aí estades”, asegurou, agradecendo e poñendo en valor a dedicación destas persoas que, moitas veces, “quitádeslle tempo ás vosas familias, aos vosos traballos” para cumprir co labor que sexa preciso.

Rueda destacou o traballo conxunto que realizan os voluntarios coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. “Saben que cando pasa algo que necesita dos voluntarios de Protección Civil, aí ides estar e, se non estiverades, teríano moitísimo máis difícil e, en moitos casos, practicamente imposible”, aseverou o presidente galego.

No acto entregáronse 57 distintivos de permanencia a voluntarios que levan 25 anos ou máis formando parte das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Galicia (AVPC), ademais de seis medallas de bronce e catro de prata ao mérito de Protección Civil, así como sendas placas de prata á brigada Galicia VII da Brilat e aos axentes da Garda Civil de Galicia.

Axudas de mantemento e equipamento

Alfonso Rueda dixo que eses recoñecementos non eran máis que unha mostra de gratitude do pobo galego e asegurou que a Xunta seguirá apoiando as agrupacións con axudas para o seu equipamento e funcionamento. De feito, o Goberno galego contribuíu con máis de 24 millóns de euros aos servizos de emerxencias nos últimos anos. En concreto, 14 millóns destináronse ás agrupacións de Protección Civil e outros 10 aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). Ademais, nos orzamentos para o vindeiro ano figura un millón de euros para equipamento de Protección Civil e dos GES e outros 340.000 para gastos de funcionamento das agrupacións.

Imaxes relacionadas