A Xunta anuncia a toma de posesión de predios de substitución na zona de concentración parcelaria de Arantón-Santa Sabiña no concello de Santa Comba

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural pon en coñecemento dos veciños afectados pola reestruturación que poden comezar a usar as novas parcelas resultantes do proceso de reorganización da propiedade
 

A data para a toma de posesión é o 15 de decembro e, no caso de que haxa colleitas pendentes de recoller nas parcelas antigas de labradío ou arborado que non estean clasificadas como monte alto, poderán ser retiradas antes do 15 de maio de 2023
 

O Goberno galego leva investido preto de 2,9 millóns de euros neste proceso, que abrangue unha superficie de 1.515 hectáreas de 1.046 propietarios e que permitiu pasar de 9.489 parcelas a 2.051 predios

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2022 A Consellería do Medio Rural anuncia a toma de posesión provisional dos predios da concentración parcelaria de Arantón-Santa Sabiña, no concello coruñés de Santa Comba.

 

A data para a toma de posesión é o 15 de decembro de 2022 e, no caso de que haxa colleitas pendentes de recoller nas parcelas antigas de labradío ou arborado que non estean clasificadas como monte alto, poderán ser retiradas antes do 15 de maio de 2023.

 

Con este anuncio, ponse en coñecemento dos veciños afectados por esta reestruturación parcelaria que poden comezar a usar as novas fincas resultantes do proceso de reorganización. Dito proceso, que abrangue unha superficie de 1.515 hectáreas de 1.046 propietarios, permitiu pasar de 9.489 a 2.051 parcelas.

 

Esta concentración parcelaria permitiu cuadriplicar o tamaño das parcelas resultantes con respecto ás precedentes. Dende o seu inicio lévanse investido preto de 2,9 millóns de euros, dos cales, a meirande parte (máis de 2,2 millóns) se destinaron á execución da rede de camiños.

 
A partir da toma de posesión, os adxudicatarios van poder reclamar ante a Xefatura Territorial de Medio Rural na Coruña, no prazo de dous meses, no caso de que existan diferenzas superiores ás marxes de tolerancia admitidas entre a cabida real das novas parcelas e a que conste no expediente de concentración.