A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural compareceu no Parlamento para debullar as contas do ente, que ascenderán aos 57,1 M€

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural contará en 2023 cun 21% máis de orzamento para continuar aplicando a Lei de recuperación da terra agraria

Inés Santé referiuse aos 5,9 millóns de euros para desenvolver instrumentos da Lei, aos case 2,2 millóns para plans de dinamización dos núcleos rurais das aldeas modelo ou aos máis de 2 millóns para infraestruturas de aldeas e polígonos agroforestais
 

No eido da dinamización do territorio rural, citou os case 19,7 millóns de euros do Plan de mellora de camiños municipais ou os preto de 3,9 millóns para a creación e desenvolvemento de actividades non agrícolas
 

Ao abeiro do programa Leader, aludiu a un presuposto de 16,4 millóns de euros, para financiar proxectos dos grupos de desenvolvemento rural da comunidade, para garantir o seu funcionamento ou para dar pulo á cooperación

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2022 A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, aumentará o ano vindeiro un 21% o seu orzamento con respecto a este 2022, acadando unha cifra global de 57,1 millóns de euros que se destinarán en boa parte a continuar aplicando a Lei de recuperación da terra agraria. Así o sinalou a directora xeral da Axencia, Inés Santé, que compareceu no Parlamento para dar detalles sobre un presuposto que -segundo dixo- corrobora que as contas deste ente se incrementaron nun 40% nos últimos dous anos.

 

Na súa intervención, a directora xeral apuntou que o orzamento de 2023 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural contén tanto investimento directo para a aplicación dos instrumentos de ordenación, mobilización e recuperación de terras, como novas liñas de axuda para actuacións vinculadas a estes instrumentos. Con todo, hai máis puntos destacables, segundo relatou, como os relativos á planificación e dinamización do rural e os do programa Leader.

 

Recuperación

Nesta epígrafe, Inés Santé afirmou que se consignaron 5,9 millóns de euros para o desenvolvemento de instrumentos de recuperación da terra agraria, un 11% máis ca en 2022. Eses cartos distribúense en 4,4 millóns para a elaboración de proxectos e realización de obras de polígonos agroforestais e aldeas modelo e 1,5 millóns para a recuperación da terra agraria nas zonas afectadas este ano por grandes incendios.

 

A estes fondos hai que sumar outro millón de euros para o desenvolvemento dos procedementos e instrumentos da Lei de recuperación, en concreto, para mellorar o funcionamento do Banco de terras e para implementar ferramentas informáticas que faciliten a aplicación das figuras de posta en valor, así como a participación da cidadanía ao respecto. Nesa liña, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia estase traballando nunha completa aplicación para a xestión de aldeas modelo, polígonos agroforestais e agrupacións de xestión conxunta, así como dos procedementos de investigación da titularidade e de declaración de abandono.

 

Como novidade, a directora xeral afirmou que en 2023 se desenvolverán actuacións na parte edificada de distintas aldeas modelo, con case 1 millón de euros para a elaboración de catro proxectos piloto de Plans de dinamización dos núcleos rurais das aldeas de Muimenta (Carballeda de Avia), Penedo (Boborás), Osmo (Cenlle) e Trascastro (O Incio) e outros preto de 1,2 millóns para unha liña de axudas que promova a elaboración destes plans noutras aldeas.

 

Así mesmo, en 2023 crearase un novo proxecto contable para a iniciativa de compra pública de innovación Aldeas intelixentes, co obxectivo de licitar tres contratos -cun orzamento plurianual de 5 millóns de euros- co gallo de desenvolver sistemas de axuda á decisión para as actividades agrarias desenvolvidas nas aldeas modelo, unha plataforma para asegurar a trazabilidade das producións agropecuarias e dos subprodutos e residuos das aldeas co fin de fomentar a economía circular e comunidades enerxéticas locais baseadas en enerxías renovables.

 

Para seguir avanzando na implementación de aldeas modelo, e tamén de polígonos agroforestais, convocaranse tamén máis de 2 millóns de euros en achegas para servizos básicos locais nas zonas onde se impulsen estas figuras, o dobre deste ano. A maiores, prevese rematar a elaboración do Mapa de usos agroforestais de Galicia, para o que se conta con 234.000 euros; e seguirase traballando na ordenación de usos, cun orzamento de case 600.000 euros para a elaboración de catálogos de solos agropecuarios e forestais e para a elaboración de plans integrais, como o xa anunciado Plan estratéxico de actuación integral da área suroriental da provincia de Ourense -o Plan Monterrei-.

 

Dinamización do rural

No referido á planificación e dinamización do territorio rural galego, Inés Santé referiuse aos case 19,7 millóns de euros que financiarán o ano que vén o Plan de mellora de camiños municipais -un 80% máis que neste 2022-, sumando un total desde 2016 de 104 millóns para este fin, permitindo arranxar máis de 4.800 camiños de máis de 3.800 km.   

 

Asemade, nomeou os preto de 3,9 millóns dirixidos á creación e á modernización e/ou ampliación de actividades non agrícolas, un orzamento un 29% superior ao deste ano destinado a reforzar o tecido empresarial no ámbito rural. Dentro desta liña de axudas, incluirase -segundo dixo- unha submedida para o apoio a actividades empresariais non agrícolas vinculadas aos instrumentos de recuperación da terra agraria, buscando así a sinerxía entre o eido primario e outros sectores de actividade.

 

Programa Leader

Por último, no campo da cooperación, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aseverou que o programa Leader contará cun orzamento de 16,4 millóns de euros o ano próximo, dentro dos que destacan os 10,7 millóns de euros para a implementación de actuacións dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) en todo o territorio galego. Mentres, 4,67 millóns -un 25% máis que neste exercicio- serán para garantir a continuidade destes grupos como asesores e dinamizadores do territorio, atendendo aos seus gastos de funcionamento e animación.

 
Na súa alocución, Inés Santé tamén salientou que a Xunta garantirá que os 24 GDR galegos poidan continuar coas súas novas estratexias de actuación, unha vez foron seleccionados como entidades colaboradoras da medida Leader de Galicia no período 2023-2027. Farano, en concreto, grazas a unha partida de 236.000 euros. Así mesmo, outros 776.000 euros irán dirixidos a fomentar a cooperación dos grupos de desenvolvemento rural da comunidade con outros de ámbito nacional ou internacional, así como con entidades privadas.

Imaxes relacionadas