A Xunta subliña en Lisboa a aposta de Galicia por impulsar un ecosistema emprendedor que avance na innovación, a dixitalización e a sustentabilidade

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou nunha charla coloquio celebrada no marco do Web Summit 2022, cita que busca facilitar a conexión entre empresas tecnolóxicas, startups, investidores, lexisladores e representantes públicos

Destaca a recente activación da Axenda Startups Galicia 2022-2024, que suma preto de 15 millóns na procura de crear un centenar de novas empresas e acelerar 200 startups neste período

Subliña, entre as principais accións da Axenda, a posta en marcha de novas ‘business factories’ que atendan ás actuais tendencias de aceleración de empresas

Lisboa (Portugal), 4 de novembro de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou este mediodía en Lisboa nunha charla coloquio celebrada no marco do Web Summit 2022, cita que se está a desenvolver na procura de facilitar a conexión entre empresas tecnolóxicas, startups, investidores, lexisladores e representantes públicos. Un escenario no que Guldrís puxo en valor a aposta de Galicia por impulsar un ecosistema innovador capaz de fomentar o emprendemento tecnolóxico, avanzando na innovación, na dixitalización e na sustentabilidade.

 

Neste eido, destacou iniciativas como as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), ou aeronáutica (BFAero). Guldrís estivo acompañado na súa intervención por Íñigo González, da startup galega Norlean. Esta compañía, que participou na BFAUto, ten medrado arredor do sector da automoción, creando un xemelgo dixital de organización, ferramenta que permite facer unha representación virtual dunha actividade física baseada na análise de datos e procesos.

 

“Norlean é un exemplo das oportunidades que ofrece á capacidade de emprendemento e as novas tecnoloxías: un escenario que necesariamente temos que saber aproveitar”, afondou Guldrís, quen puxo en valor a recente posta en marcha da Axenda Startups Galicia 2022-2024, que suma preto de 15 millóns na procura de crear un centenar de novas empresas e a acelerar 200 startups neste período, promovendo un emprendemento innovador con capacidade para mellorar a competitividade do tecido empresarial galego.

 

Esta Axenda, expuxo o director do Igape, está a potenciar o ecosistema emprendedor galego na procura de favorecer o crecemento das empresas de base tecnolóxica e de fomentar a creación de riqueza e emprego. Así, prevese a creación de 600 postos de traballo vencellados ás novas compañías, ademais de facilitar unha facturación agregada das startups de 70 millóns durante os próximos dous anos.

 

Entre as principais accións, a Axenda contempla a posta en marcha de novas business factories que atendan ás actuais tendencias de aceleración de empresas centradas en campos como foodtech, biotech, loxística ou as cadeas de subministracións. Estas complementarán o conxunto de aceleradoras activado pola Xunta nos últimos anos.

 

Programa CoInviste

Así mesmo, relatou Guldrís, outra das novidades da Axenda é a captación de investidores para potenciar o investimento público-privado nas startups galegas. Unha meta, salientou, na que destaca o novo programa CoInviste de XesGalicia, pensado para fomentar investimentos privados en startups galegas a través da atracción de socios con acreditada solvencia económica, con capacidade tractora e cunha adecuada especialización en base tecnolóxica.

 

Así mesmo, porase en marcha, por primeira vez, o programa Erasmus Startup para conectar emprendedores no ámbito internacional a través da participación de startups galegas en iniciativas do exterior destas características. E neste mesmo eixo centrado nas startups, a Axenda establece as bases para a aplicación no ámbito galego da iniciativa estatal Activa Startups, que promove a innovación aberta e o apoio ás startups a través de financiamento de probas de concepto sobre retos tecnolóxicos.

Imaxes relacionadas