A Xunta apoia con 70.000 euros a posta en marcha dun punto limpo móbil no municipio do Corgo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego destina este ano 666.000 euros a implantar este servizo en 14 concellos lucenses

O Corgo (Lugo), 4 de novembro de 2022

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achega 70.000 euros para poñer en marcha un punto limpo móbil no municipio do Corgo.


O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado do alcalde, Felipe Labrada, comprobou o novo equipamento recibido polo Concello, que foi financiado a través da orde de axudas de 2022 para colaborar coas entidades locais na mellora da xestión de residuos.


Arias explicou que este ano o Goberno galego destina 666.200 euros para implantar puntos limpos móbiles en 14 concellos, co fin de ofrecer un servizo itinerante de recollida de residuos especiais nos seus respectivos territorios.


Así, xunto ao Corgo resultan beneficiarios os municipios de Lugo, Palas de Rei, Vilalba, Ribadeo, A Pontenova, Foz, Viveiro, Mondoñedo, Folgoso do Courel, Chantada e Pantón; e dúas agrupacións constituídas polos concellos de Castroverde, Baleira e Pol -unha delas -e a outra formada por Guitiriz e Xermade.


Esta orde de axudas contempla outras dúas liñas de actuación, unha para levar a cabo proxectos de implantación ou mellora da recollida separada de aceite de cociña usado xerado no ámbito doméstico, do comercio e servizos, co fin de destinalo a valorización para a obtención de biocarburante -da que resultaron beneficiarios os concellos de Lugo e Monforte de Lemos, con 12.000 e 6.300 euros respectivamente -; e a outra para fomentar a recollida separada da fracción de residuos téxtiles. Dentro desta última, este ano concedéronse 5.500 euros ao Concello da Pastoriza.

Imaxes relacionadas