O director xeral do organismo autonómico compareceu esta mañá no Parlamento galego para presentar as contas do vindeiro ano

O IGVS destinará 73 M€ a facilitar o acceso dos galegos a unha vivenda, a metade do seu orzamento para 2023

Heriberto García explica que para cumprir este obxectivo prevense tanto actuacións directas do departamento, para construír ou rehabilitar inmobles residenciais, como a concesión de axudas, avais e préstamos vantaxosos a particulares e concellos
 

Cifra en case 32 M€ os fondos reservados a subvencionar o pago do alugueiro habitual, en 8,3 M€ os programas de axudas para comprar unha vivenda, e en máis de 55 M€ o orzamento previsto para restaurar e mellorar o patrimonio xa construído
 

Para facilitar a creación e incremento dos parques públicos municipais, anuncia unha nova liña para entidades locais con incentivos de ata 50.000 € por vivenda e tamén a posta á disposición de solo residencial para construír en Ferrol, Lugo e Pontevedra
 

O director subliña o esforzo realizado desde 2015 para asentar empresas nos polígonos da Xunta, con 2,5 millóns de m2 adxudicados e 77 M€ en bonificacións

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2022 O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) destinará preto de 73 millóns de euros a financiar medidas e actuacións dirixidas exclusivamente a facilitar o acceso dos galegos a unha vivenda, un obxectivo que terá un peso fundamental nas contas do departamento para 2023 xa que esta contía supón algo máis da metade do seu orzamento total, que suma 140,7 millóns de euros.

 

Durante a súa comparecencia no Parlamento galego para presentar as contas do organismo, o director xeral do IGVS, Heriberto García, explicou que, deles, 57,85 millóns de euros se dedicarán a diferentes programas e actuacións para a promoción de vivenda pública de forma directa; outros 15 millóns se porán á disposición a través dos préstamos do novo fondo de cooperación cos concellos para construír vivenda e dos avais a mozos menores de 36 anos para facilitarlles o acceso a unha hipoteca; e 10,5 millóns se reservan a actuacións de rehabilitación que poñan no mercado máis vivendas.

 

Así mesmo, salientou que os orzamentos para o vindeiro ano do IGVS —organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda— seguirán apoiando aos cidadáns no pago da súa vivenda habitual, xa sexa en réxime de propiedade ou en alugueiro, así como no mantemento e conservación dos seus fogares ao longo do tempo para garantir que se manteñan nas mellores condicións de habitabilidade posibles.

 

Neste sentido, García cifrou en preto de 32 millóns de euros os fondos reservados para os catro programas de incentivos ao alugueiro, un apartado no que destacou en especial os 13,7 millóns de euros dirixidos a conceder axudas equivalentes ao 50% da renda mensual do inquilino, ou o novo programa Vivendas Vivas —en colaboración cos axentes inmobiliarios e os administradores de fincas que xa se están dando de alta para poder participar— para mobilizar vivendas que estean sen uso.

 

Así mesmo, o responsable do IGVS subliñou que se apostará por medidas dirixidas ás persoas en situación de vulnerabilidade, así como á mocidade, un dos colectivos que máis dificultades teñen para acceder a unha vivenda. En concreto, avanzou que a través do Bono de alugueiro social a Xunta asumirá o 100% do arrendamento de familias con escasos recursos, vítimas de violencia de xénero e outros inquilinos vulnerables durante un máximo de 5 anos; e que no caso dos galegos de ata 35 anos, o Bono alugueiro mocidade disporá de 11,4 millóns que permitirá conceder axudas a uns 4.000 mozos.

 

Con respecto aos incentivos no eido da adquisición, Heriberto García adiantou tamén que se manterán as liñas de subvencións do IGVS dirixidas a aquelas persoas que vaian comprar vivenda en 2023, un capítulo ao que se reservan en total 8,3 millóns de euros, incluídos os 5 millóns destinados a facilitar o acceso a unha hipoteca aos menores de 36 anos a través de avais equivalentes a, como máximo, o 20% do importe do préstamo.

 

Ademais, para facilitar a creación dos parques públicos municipais, anunciou unha nova liña para concellos con incentivos de 50.000 euros por vivenda construída e destinada a alugueiro, e a posta á disposición de solo residencial en Ferrol, Lugo e Pontevedra.

 

Rehabilitación e solo empresarial

A rehabilitación —cun orzamento global de 55,3 M€— seguirá sendo un eixo fundamental das políticas do IGVS, dándolle un pulo especial ás actuacións de eficiencia enerxética. Así, destacou os 11,7 M€ do programa a nivel de barrio, a mesma contía que este ano; os 10 M€ das axudas a nivel de edificio para mellora ou rehabilitación actuando sobre todo nas envolventes dos inmobles, o dobre que en 2022; ou os 10,4 M€ dos incentivos a nivel de vivenda, para obras como cambio de ventás, que neste caso triplica o orzamento.

 

Estas novas subvencións financiaranse con cargo aos fondos europeos do Plan de recuperación, aínda que tamén se lle dará continuidade a outros programas que apostan pola rehabilitación do patrimonio construído e xa se viñan desenvolvendo anteriormente en Galicia, como as axudas de accesibilidade en e ás vivendas ou do Programa de rehabilitación enerxética en edificios existentes (PREE).

 

Por último, no que respecta ás medidas relacionadas co solo industrial, o seu desenvolvemento e xestión, Heriberto García subliñou que o obxectivo principal será favorecer a implantación de novas empresas, a expansión das xa instaladas e a dotación de máis solo industrial con todos os servizos necesarios, capítulo que suma 35,4 M€.

 
Concretamente, asegurou que se manterá o esforzo realizado desde 2015 para asentar empresas nos polígonos da Xunta, con 2,5 millóns de m2 adxudicados a día de hoxe e 77 M€ en bonificacións, uns incentivos aos que se destinarán o próximo ano 7 M€.

Imaxes relacionadas