O conselleiro de Sanidade destaca que o Hospital de Barbanza cumpre anos renovándose tras visitar a nova área de endoscopias

García Comesaña aproveitou o acto de 25 aniversario do hospital para amosar aos alcaldes do distrito o resultado desta actuación na que a Xunta investiu 620.000 euros

Tras o remate nesta lexislatura das obras nas áreas de urxencias e endoscopias deste hospital, os Orzamentos da Xunta para 2023 incorporan unha partida de 200.000 euros para iniciar o proceso de ampliación da área de hospitalización

Ribeira (A Coruña), 4 de novembro de 2022 O conselleiro de Sanidade visitou hoxe as instalacións da nova área de endoscopias do Hospital comarcal de Barbanza e anunciou a súa posta en servizo antes de rematar o ano 2022. Nunha visita enmarcada nos actos do 25 aniversario da infraestrutura hospitalaria, Julio García Comesaña explicou que esta rematada o groso da obra da nova área de endoscopias, na que a Xunta de Galicia investiu 620.000 euros, e que tan só faltan algúns detalles para a súa posta en servizo. “Todo isto é unha mostra de que o hospital cumpre anos renovándose, e imos garantir que esa renovación vai continuar nos vindeiros anos”, remarcou o conselleiro.

 

A nova área de endoscopias do Hospital de Barbanza conta con 130 m2 , o que supón un incremento da superficie dedicada á realización de endoscopias dixestivas. O equipamento inclúe melloras no eido tecnolóxico, cun bisturí eléctrico dixestivo e monitores de parámetros fisiolóxicos básicos. Tamén conta cun sistema de Endoscopia dixestiva, conformado por unha torre de endoscopia dixestiva e os equipos de reprocesamento con dúas lavadoras para a desinfección dos endoscopios, un armario de secado e almacenamento esterilizado, así como catro monitores multiparamétricos de última xeración.

 

Esta actuación proporcionará unha mellor calidade e confortabilidade desta área, así como a modernización dos procesos de asepsia e mellores condicións tamén para que os profesionais dos que dispón este hospital poidan realizar da mellor maneira posible a súa labor.

 

Ampliación da área de hospitalización e aposta polos hospitais comarcais 

Julio García Comesaña anunciou durante a súa visita ao Barbanza que o proxecto de orzamentos da consellería para o ano 2023 inclúe tamén 200.000 euros para iniciar as obras de ampliación da área de hospitalización do centro sanitario , e lembrou que no ano 2020 a Xunta rematou as obras de ampliación do 40 % da superficie da súa área de urxencias, cun investimento de 1,8 millóns de euros.

 

O conselleiro de Sanidade referiuse ademais as melloras que o departamento que dirixe puxo en marcha nos sete hospitais comarcais de Galicia, que amosan a aposta da Xunta por esta rede de hospitais. No Barbanza, este ano se adxudicou un novo TAC, que foi instalado hai uns días, e que ten un investimento de 400.000 euros.

 

Tamén, Julio Garcia Comesaña salientou a aposta da Xunta pola dotación de máis persoal fixo nos hospitais comarcais, e lembrou que o Parlamento ven de aprobar unha lei que vai permitir cubrir as vacantes de especialidades médicas en hospitais como o do Barbanza a través do concurso de méritos.

 
En definitiva, o conselleiro destacou a aposta da Xunta por mellorar, con obras, equipamentos e persoal, a rede de hospitais comarcais de Galicia.

Imaxes relacionadas