A Xunta licitará este mesmo mes as obras de mellora do salón de actos do instituto Alfredo Brañas de Carballo

A actuación conta cun orzamento de 350.000€, o que supera a valoración técnica inicial
 

O Goberno galego cumpre co compromiso contraído con este centro, cunha actuación que contempla cambio de luminarias, mellora de electricidade e traballos de pintado e revestimento das paredes, entre outros

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2022 A Xunta licitará este mesmo mes as obras de mellora do salón de actos do instituto Alfredo Brañas de Carballo. Así o explicou o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia, onde sinalou que esta actuación vén reafirmar o compromiso do Goberno coa reforma destas instalacións.

 

A obra contará cun orzamento de 350.000€, o que supera en 120.000€ a valoración técnica inicial. Seguindo os estudos técnicos, realizarase unha obra de acondicionamento e mellora do salón de actos, que contempla a instalación de apliques e luminarias para unha nova iluminación LED, a modificación das instalacións de electricidade, a preinstalación de nova megafonía, o pintado e revestimento de paredes e actuacións sobre o teito, cunha rede de protección baixo forxado de bovedilla. A actuación implicará desmontar as butacas, a luminaria e o falso teito como paso previo.

 

“Hai uns meses quedou de manifesto a vontade e compromiso da Consellería para encargar a redacción dun proxecto e, con posterioridade, afrontar a licitación da obra unha vez conxugadas as dispoñibilidades económicas e as prioridades de actuación en infraestruturas educativas”, incidiu o representante da Xunta. “Hoxe podo concretar que neste ano 2022, tal e como dixemos, foi encargado o proxecto –engadiu– e agora estamos xa nunha fase de supervisión, previo a proceder á licitación do mesmo”, un trámite que se realizará este mesmo mes.