A Xunta abre ao público en Santiago unha mostra con preto de cen casos de éxito da combinación de deseño e innovación en Galicia

A exposición ‘Formas propias. Deseño para a innovación en Galicia’ foi inaugurada esta mañá pola directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e poderá verse ata o 16 de decembro na Fundación Didac

Hoxe presentouse tamén o ‘Dicionario do deseño e da innovación de Galicia’, unha publicación que nace con 140 referencias de proxectos e empresas galegas e será obxecto dunha actualización continua

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia, coa colaboración da Fundación Didac, abre esta tarde ao público en Santiago de Compostela a exposición Formas propias. Deseño para a innovación en Galicia. A mostra, que poderá visitarse ata o 16 de decembro na sede de Didac (rúa de Pérez Constanti, 12) foi inaugurada esta mañá pola directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, nun acto no que tamén se presentou a publicación ABC-Deseño. Dicionario do deseño e da innovación de Galicia.

 

Argerey destacou que este novo proxecto expositivo e editorial busca darlle visibilidade ao valor do deseño para a innovación a través dos mellores expoñentes desta simbiose en Galicia. En total, a mostra componse de preto dun cento de proxectos de profesionais do deseño galego de todas as disciplinas –gráfico, industrial, de produto, de servizos, de moda, etc.– e traballos realizados por e para empresas galegas de múltiples sectores, como a moda, a alimentación, o forestal, as telecomunicacións, a biotecnoloxía, o editorial, a iluminación ou a hostalería.

 

O dicionario, que xa está dispoñible para consulta e descarga na web da Axencia Galega de Innovación, é un compendio de casos de éxito que representan o mellor do talento dos profesionais do deseño galego, da experiencia das empresas que incorporan o deseño e dos recursos e materiais naturais e sostibles. Segundo destacou Argerey, trátase dunha publicación viva que nace con 140 referencias e irá crecendo nos próximos meses.

 

Durante o acto de presentación, a directora da Axencia Galega de Innovación destacou o traballo realizado nos últimos catro anos pola Xunta de Galicia para apoiar o deseño como ferramenta estratéxica de innovación e competitividade empresarial e para lograr que todos e todas os profesionais do deseño galego se sintan parte do ecosistema de innovación.

 

Neste contexto, destacou algunhas das actuacións que se están a levar a cabo no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - Diferenza, dotado con máis de 8 millóns de euros. A primeira delas foi a liña de axudas DeseñaPeme, que vén de resolver a súa segunda convocatoria e que entre as súas dúas edicións suma o apoio a 54 proxectos e a mobilización de 6 millóns de euros para que as microempresas e pemes galegas melloren a súa capacidade de innovación e sostibilidade a través da incorporación do deseño estratéxico.

 

Argerey subliñou tamén as accións de fortalecemento do ecosistema de axentes do deseño galego, como a celebración anual do Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial e o Mapa de Provedores do Deseño Galego (mapadesenogalego.gal), o primeiro directorio de provedores de servizos de deseño en Galicia.

Imaxes relacionadas