A Xunta de Galicia habilitará o polo de emprendemento na cidade antes de finais de ano

A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, acompañada da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou esta tarde no acto ‘Crear, Innovar, Aprender’ de AJE Ferrolterra

Na súa intervención puxo en valor o respaldo do Goberno galego a través de liñas específicas para o sector como o novo programa Impacto Autónomo, dotado con 30 millóns de euros no proxecto de Orzamentos 2023

Ferrol, 3 de novembro de 2022

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros puxo en valor o respaldo do Goberno galego ao emprendemento no acto Crear, Innovar, Aprender que a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Ferrolterra celebrou esta tarde no Teatro Jofre. Unha cita na que se deron a coñecer diferentes experiencias empresariais da zona e que contou co apoio da Xunta a través do Igape.

 

No acto, no que estivo acompañada da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, Aneiros avanzou a inminente creación dun polo de emprendemento na cidade no que se impulsarán e consolidarán proxectos que teñan unha vinculación coa contorna. A través desta iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que estará en marcha antes de finais de ano, prestaranse servizos de asesoramento, acompañamento e titorización profesional.

 

A delegada da Xunta tamén destacou na súa intervención o novo programa Impacto Autónomo, dotado de 30M€ no proxecto de Orzamento de 2023 e deseñado para que as persoas autónomas poidan facer fronte e minimizar o impacto da suba dos custos en materias primas e enerxéticos que “afecten e condicionen a súa actividade económica”. Trátase, como indicou, dunha liña de axudas complementaria, as que xa se viñan convocando para o sector ata o de agora.