A Xunta e o Concello de Sanxenxo ratifican a aposta polo ciclo de FP básica dual de cociña e restauración, que comeza este curso con 12 matriculados

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde Telmo Martín visibilizan o acordo deste novo proxecto

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia e o Concello de Sanxenxo ratifican a aposta pola Formación Profesional coa posta en funcionamento, por primeira vez neste curso, do novo ciclo de FP Básica Dual de Cociña e restauración, que arranca este ano con 12 alumnos matriculados.

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, ratificaron publicamente o acordo de colaboración que fai posible a implantación destas ensinanzas moi demandadas tanto pola administración local coma polo propio sector.

 

O ciclo básico de Cociña e Restauración desenvólvese en modalidade dual en dous cursos, con 2.000 horas de formación dual. Isto é, unha parte teórica que se desenvolve no instituto de Vilalonga e outra parte práctica que se imparte no Hotel Pedramar. Cómpre lembrar tamén que o Consorcio e Empresarios Turísticos de Sanxenxo asume o compromiso de acoller o alumnado para a súa formación dual nas diferentes empresas asociadas.

 

O encontro entre o conselleiro e o alcalde tamén serviu para abordar outros asuntos de interese municipal tanto do ámbito educativo coma do cultural.

Imaxes relacionadas