A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro no noroeste da Coruña e na provincia de Lugo

Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de ata 6 metros
 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2022 A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro ao noroeste da Coruña e á provincia de Lugo.

 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa no noroeste da provincia da Coruña e na Mariña lucense comezará nas últimas horas de hoxe con mar combinada do noroeste con ondas de ata 6 metros.

 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.