O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, clausurou hoxe en Santiago de Compostela o encontro O mundo que vén. Claves para descifrar un mundo ao revés, organizado por APD

Conde subliña que os Orzamentos da Xunta para 2023 permitirán continuar polo camiño da industralización e a sustentabilidade

Asegura que o optimismo para afrontar o contexto actual está en todos os proxectos que se poidan levar a cabo para impulsar a dobre transformación enerxética e dixital e, con iso, o crecemento san da economía galega

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe que os Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2023 permitirán continuar polo camiño da industrialización e a sustentabilidade.

 

Así o manifestou durante a clausura do encontro O mundo que vén. Claves para descifrar un mundo ao revés, organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Na súa intervención, Conde referiuse á tarefa de acompañamento que as administracións deben facer a familias e empresas no contexto actual. Priorizando o máis urxente, que é axudar aos fogares e ao tecido empresarial a sobrelevar a alza de prezos, e tratando de que a tecnoloxía e a aposta pola economía verde acheguen as solucións que se necesitan para rebaixar o custo da enerxía.

 

Os Orzamentos da Xunta para 2023 son, pois, os orzamentos da innovación e a sustentabilidade con investimentos que, desde a Vicepresidencia económica, suman 524M€. Así, preto de 80M€ vanse destinar a impulsar as enerxías renovables e a eficiencia enerxética e un total de 360M€ para o desenvolvemento da axenda industrial para a Galicia de 2030. É dicir, para apoiar proxectos transformadores como os que Galicia leva presentado aos fondos Next Generation.

 

Conde aludiu ao binomio indivisible que conforman a dixitalización e a sustentabilidade porque non hai transformación sen innovación. E, ao respecto, citou o Polo Aeroespacial de Galicia, a aposta das empresas biotech pola Comunidade ou a candidatura para acoller a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) como unha mostra do que para Galicia significa a dixitalización e a I+D+i.

 
Segundo asegurou, o optimismo para afrontar o contexto actual está en todos os proxectos que se poidan levar a cabo para impulsar a dobre transformación enerxética e dixital e, con iso, o crecemento san da economía galega.

Imaxes relacionadas