O director da Axencia Galega da Industria Forestal inaugurou hoxe as VII Xornadas de rehabilitación en madeira organizadas polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia

A Xunta pon en valor os 2,6 M€ en axudas convocados este ano co gallo de impulsar a madeira como elemento estrutural na construción

Jacobo Aboal sinalou que a convocatoria asigna a meirande parte dos fondos a actuacións que se desenvolverán no vindeiro ano 2023

O director da XERA reafirmou o compromiso do Goberno galego con este sector, no marco da Axenda de impulso da industria forestal-madeira

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2022 O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, puxo hoxe en valor as novas axudas convocadas este ano por un importe de 2,6 millóns de euros para dar impulso á madeira como elemento estrutural na construción. Así o sinalou na inauguración das VII Xornadas de rehabilitación en madeira organizadas polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia en colaboración coa propia XERA.

Na súa intervención, o director gabou esta cita que busca ser un punto de encontro entre profesionais da arquitectura, do deseño, da industria, das universidades e dos centros tecnolóxicos onde poder debater as posibilidades que ofrece a rehabilitación en madeira e mostrar diferentes solucións técnicas con este material. Nesa liña, reafirmou o compromiso do Goberno galego co sector da industria foresta-madeira, coa rastrexabilidade, coa sustentabilidade e coa economía circular a través das novas achegas que perseguen avanzar na loita contra o cambio climático, potenciar o recurso endóxeno con marca de garantía de calidade “Pino de Galicia” e fomentar políticas de eficiencia enerxética.

No acto, Jacobo Aboal explicou que as axudas dirixidas a fomentar a construción en madeira enmárcanse dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira. Así, van destinadas tanto a pequenas e medianas empresas -incluídas as persoas autónomas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro- como a persoas físicas, asignando a meirande parte dos fondos -en concreto, un total de 2,3 millóns- a actuacións que se desenvolverán no vindeiro ano 2023.

O director recordou que serán subvencionables tanto a redacción de proxectos como a utilización de produtos de madeira en construción nova, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, sempre que, cando menos, o 20% do orzamento de execución material do proxecto corresponda a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída a súa colocación). A intensidade da subvención sitúase no 70 %, pero pode incrementarse nun 10 % no caso de utilizar madeira de montes galegos xestionada de forma sustentable (con certificación PEFC ou FSC) e noutro 10 % se se dispón da marca de garantía “Pino de Galicia”, co que a axuda pode mesmo acadar así o 90 %.

Isto significa, indicou o director, que a Xunta aposta claramente pola madeira e, en particular, pola madeira galega de calidade de cara a seguir impulsando un eido produtivo clave na posta en valor do monte galego e tamén para afrontar retos como o cambio climático ou o impulso a unha economía neutra en carbono.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural