A Xunta presenta os espectáculos de Coque Malla e Sara Baras que terán lugar en novembro na Coruña, na programación do Xacobeo

Gonzalo Trenor destacou que estes dous artistas continúan a programación dun Xacobeo musical que foi excepcional e que deixará pegada entre os coruñeses

O delegado da Xunta subliñou o enorme revulsivo que estes concertos supoñen para todos os profesionais da cultura e, por extension, ao conxunto da economía na cidade da Coruña

A Coruña, 3 de novembro de 2022

  O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo promotor Ramón García-Barros, presentou hoxe dous espectáculos de Coque Malla e Sara Baras que chegarán ao Palacio da Ópera, o 12 e o 26 de novembro, respectivamente, dentro da programación dos Concertos do Xacobeo organizados por Cávea Producciones.

Trenor explicou que o vindeiro sábado 12, Coque Malla preséntase no Palacio da Ópera nuns dos últimos concertos da súa xira “El viaje del astronauta gigante”. O cantante, que reforzou a súa banda coa incorporación do guitarrista Amable Rodríguez, anunciou que tras dúas últimas datas ?o 27 e o 20 de decembro, no Wizink Center de Madrid e en Barcelona? ten a intención de retirarse dos escenarios durante un longo período para preparar un novo traballo e desenvolver outras facetas artísticas.

O concerto da Coruña será unha revisión de toda a súa carreira, desde Os Ronaldos ata o seu Goya por “Ahora es el momento”, o tema da película “Campeones”. Non faltarán “Adiós Papá”, “Por las noches” ou “No puedo vivir sen ti”, todas elas, himnos de varias xeracións.

Pola súa banda, Sara Baras chegará ao Palacio da Ópera o 26 de novembro co seu espectáculo “Alma” e con toda a enerxía da súa propia compañía de danza. A proposta desta artista fusiona boleros coñecidos por todos con flamenco tradicional. Seguindo os pasos dos seus mestres, Camarón, Paco de Lucía, Enrique Morente ou Antonio Gadés, a bailaora gaditana vén disposta a demostrar que as culturas galega e “jonda” teñen puntos de encontro que se remontan ao século XIII e a aquela mestizaxe cultural que carrexou a Reconquista. A Farruca é un pau flamenco que ?segundo especialistas como Carlos Núñez, Faustino Núñez ou o clan pontevedrés dos Potros? botou as súas raíces na Galicia Celta.

Coque Malla e Sara Baras continúan a programación dun Xacobeo musical que foi excepcional e que deixará pegada entre os coruñeses, como a deixaron Rosalía, James Blunt, Luís Fonsi, Jorge Drexler, James Rhodes, Fito e Fitipaldis ou os participantes nos festivais Neox Music Day e Noroeste Estrela Galicia, entre outros.

O delegado da Xunta de Galicia destacou que o obxectivo da Xunta con todos estes concertos é promover a celebración deste Ano Santo excepcional apostando pola celebración de eventos musicais que están situando a Galicia no imaxinario colectivo, especialmente no ámbito internacional, promocionando o Camiño e Galicia entre peregrinos e visitantes. 

Neste senso, subliñou que investir en cultura e en eventos musicais éinvestir na cidade, polo que destacou o "enorme revulsivo" que estes concertos están supoñendo para todos os profesionais da cultura e, por extensión, ao conxunto da economía na cidade da Coruña.

Trenor, incidiu en que calquera evento que se presente baixo o paraugas da marca Xacobeo ten garantido o éxito.

Imaxes relacionadas