A Xunta apoia en Santiago os novos talentos que apostan pola fusión do deseño de moda coa artesanía

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, entregou na Cidade da Cultura o galardón destinado á incorporación dos oficios artesanais no deseño de moda no marco do Desfile Despunte 22 organizado pola EASD Mestre Mateo

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2022 A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación colabora coa EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela para impulsar a incorporación dos procesos artesanais no sector da moda. A través da Fundación Artesanía de Galicia, patrocinou un dos galardóns que se entregaron esta tarde durante a celebración do desfile Despunte 22, protagonizado polo alumnado do Grao en Ensinanzas Artísticas Superiores en Deseño de Moda, así como polo do Ciclo Superior de Xoiería Artística, que tivo lugar no Museo Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia. A xerente da Fundación, Elena Fabeiro, foi a encargada de entregar o Premio Fusión Artesanía e Deseño na 12 edición desta pasarela.

 

O obxectivo deste evento é amosarlle ao público o potencial e o talento dos deseñadores que forman nestes dous ciclos da escola de artes de Santiago de Compostela, así como da calidade dos seus traballos de fin de estudos. Deste xeito, no Despunte 22 entregouse tamén o Premio Despunte á mellor colección na categoría de alumnado egresado; o Premio Miscelánea á mellor colección na categoría de alumnado de últimos cursos; e mais o Premio Xoiaría, que recoñece a mellor colección de xoiería e está patrocinado polo Colexio Oficial de Xoiería de Galicia.

 
Durante a mañá, tamén na Cidade da Cultura, a EASD Mestre Mateo organizou unha xornada de Talent Recruitment para poñer en contacto o alumnado do centro público de estudos con compañías do sector interesadas en incorporar talento aos seus equipos.