O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participa na Conferencia Sectorial convocada polo Ministerio de Educación

A Xunta esixe a Moncloa unha participación real das comunidades para acadar unha ABAU única de consenso que garanta a igualdade de oportunidades

O conselleiro lamenta que as propostas de Galicia non estean a ser escoitadas nos grupos de traballo técnicos convocados para abordar o novo modelo de proba

Dá unha última oportunidade ao Ministerio para tomalas en conta e afirma que o Goberno galego deixará de facer achegas construtivas se continúan a desbotalas

Solicita que se adíe un ano o calendario de implantación da nova proba

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta tarde na Conferencia Sectorial convocada polo Ministerio de Educación para abordar o novo modelo de ABAU. No transcurso da reunión, o representante da Xunta esixiu á ministra, Pilar Alegría, unha participación real das Comunidades Autónomas no deseño da proba, “co fin de acadar unha ABAU con criterios básicos, homologables e uniformes que garanta a igualdade de oportunidades de todos os estudantes”, solicitando tamén que se adíe un ano o calendario de implantación da nova proba.

 

Neste sentido, o conselleiro lamentou que as propostas de Galicia non estean a ser escoitadas nas reunións técnicas dos grupos de traballo convocadas para abordar a estrutura e calendario de implantación da nova ABAU. A este respecto, ofreceu unha última oportunidade ao Ministerio para tomalas en conta e afirma que o Goberno galego deixará de facer achegas construtivas se continúan a desbotalas.  “O plantexamento que se está a facer é unha oportunidade perdida”, dixo, sinalando que os técnicos indican que o diálogo se produce nunha única dirección nestas xuntanzas, “o que xera unha idea de participación que é claramente ficticia”, lamentou.

 

Na súa intervención na Conferencia Sectorial, Román Rodríguez destacou a urxencia de elaborar unha proba que teña as mesmas esixencias e os mesmos criterios de avaliación para todo o alumnado, independentemente da CCAA na que viva. “Se hai un distrito único universitario en España o normal e o lóxico é que os camiños que van a esa porta teñan unha homologación, se non unha unidade total”, dixo. “Do contrario, estamos a crear unha desigualdade entre as persoas nunha proba que é vital para o futuro dos rapaces, perpetuando unha situación que é inxusta”, engadiu.

 

Así mesmo, o conselleiro sinalou a importancia de que as reunións como a hoxe celebrada se realicen de xeito presencial e non por videoconferencia, dado o calado das decisións que se toman e o seu impacto na cidadanía.

 

Profesores técnicos

O representante do Goberno galego quixo tamén expresar á ministra a súa preocupación pola falta de fondos estatais para financiar a integración dos docentes do extinto corpo de profesores técnicos de FP no de Ensino Secundario, que en Galicia está previsto que afecte a entre 1.200 e 1.500 persoas.

 

Cómpre lembrar que este paso dun corpo a outro suporá en Galicia un incremento da masa salarial en, aproximadamente, 3,5M€ ao ano, a maiores dos 5,5M€ que habería que pagar en atrasos, correspondentes aos anos 2021 e 2022. Malia que este cambio vén derivado da nova lei educativa, LOMLOE, o Goberno central non vai transferir ás comunidades autónomas fondos para facerlle fronte.

 

“A Xunta de Galicia non está en ningún caso en contra das mellora nas condicións para estes docentes, pero pensamos que non é coherente nin unha postura xusta nin ética que outras administración paguen esta decisión do Ministerio, que se deriva de subsanar un erro da nova lei educativa”, manifestou.