A Xunta licita por preto de 610.000 € as obras para dotar de abastecemento as parroquias de Santiago de Castillón, San Vicente de Castillón e Santo Estevo do Mato, no concello de Pantón

Dotarase deste servizo de auga potable a 240 veciños de 26 núcleos destas parroquias que actualmente carecen del e se abastecen de pozos

Executarase unha captación de 120 m de profundidade e construirase un depósito de 100 m³, ademais de instalacións complementarias

Tamén se disporá unha rede de distribución con 12 km de conducións, cunha parte de rede en presión e outra por gravidade

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou por 609.375 euros as obras para dotar de abastecemento de auga potable as parroquias de Santiago de Castillón, San Vicente de Castillón e Santo Estevo do Mato, no concello de Pantón.

 

O obxectivo é dotar de rede de abastecemento de auga potable a 240 veciños de 26 núcleos destas parroquias, que actualmente carecen deste servizo, abastecéndose a través de pozos.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o anuncio desta licitación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 2 de decembro.

A través deste contrato executarase unha captación de 120 metros de profundidade; construirase un depósito de 100 m³, de estrutura de formigón armado; e adxacente unha caseta coa cámara de chaves, un grupo de presión equipado con dúas bombas con caudal variable e presión constante, e o equipo de cloración. 

 

Tamén se disporá unha rede de distribución, de tubaxe de polietileno de alta densidade. Serán 12 km de conducións, cunha parte de rede en presión naquelas zonas onde esta non é suficiente para levar a auga as casas e, no resto, por gravidade; ademais de 149 acometidas.

 

Estas intervencións teñen un prazo de execución de 6 meses e suporán, no seu conxunto, un investimento de 650.000 euros.

As obras serán financiadas pola Unión Europea no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta á pandemia da covid-19.

 

A actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Pantón.

Así, a entidade hidráulica Xunta, aínda que Pantón pertence á conca de responsabilidade estatal, á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, redactou o proxecto desta actuación e será a encargada de executar as obras para dotar de servizo de abastecemento estas tres parroquias de Pantón. A Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cunha achega de 520.000 euros, ademais de contratar e executar as obras.

Pola súa banda, a entidade local achegará os outros 130.000 euros e asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, posta en servizo, mantemento e explotación destes servizos municipais.

 

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.