A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe as instalacións de Meteogalicia

Galicia viviu o outubro máis chuvioso dos últimos 9 anos e a Xunta avanza que as perspectivas meteorolóxicas de cara a combater a situación de seca son boas

No que atinxe ás temperaturas, no que levamos de ano non houbo ningún mes frío e soamente os de marzo, abril e xuño se poden considerar normais


 

Ángeles Vázquez pon en valor o traballo de Meteogalicia tanto para achegar a información á cidadanía como para divulgar os coñecementos necesarios para a comprensión de cuestións relacionadas coa meteoroloxía e o clima


Os orzamentos da Consellería para 2023 reservan preto de 1 millón de euros para a mellora da rede de observación ambiental, prevención de riscos e análise sectorial de adaptación ao cambio climático
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022

Galicia viviu o outubro máis chuvioso dos últimos 9 anos e a Xunta avanza que as perspectivas meteorolóxicas de cara a combater a situación de seca son boas, segundo avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita realizada hoxe ás instalacións de Meteogalicia, na que estivo acompañada polo coordinador do organismo, Juan Taboada.

 

Nesa liña, logo de explicar que a precipitación media acumulada en outubro foi de 226 l/m3 ¾un 37% superior ao valor climático normal¾, Ángeles Vázquez incidiu en que, desde o punto de vista climatolóxico, novembro é o segundo mes máis chuvioso do ano, soamente superado por decembro, polo que, de cumprirse a previsión de normalidade, as chuvias serán bastantes cuantiosas nestas semanas.

 

No que atinxe ás temperaturas, durante o pasado mes de outubro estiveron 3º C por riba da media climática 1981-2010 ¾17,5ºC fronte a 14,5ºC¾. Esta situación débese a que a anomalía positiva da primeira quincena non puido ser revertida na segunda, xa que os episodios de chuvia chegaron con ventos de compoñente sur que mantiveron os termómetros en valores moi suaves.

 

Cómpre destacar que no que levamos de ano non houbo ningún mes frío e soamente os de marzo, abril e xuño se poden considerar normais. “O resto tiveron temperaturas por riba da media”, dixo Ángeles Vázquez.

 

Actividades educativas en Meteogalicia

Durante a súa visita ás instalacións de Meteogalicia, a conselleira coincidiu cun grupo de alumnos do CEIP Camiño de Santiago do Concello do Pino que participan nunha das actividades formativas que organiza a entidade, que prevé superar os 1.500 participantes ao remate do ano.

 

Nesa liña, Ángeles Vázquez puxo en valor “o traballo excepcional” que realiza Meteogalicia tanto para achegar a información meteorolóxica á cidadanía e afianzar a súa función de servizo público como para divulgar os coñecementos necesarios para a comprensión de cuestións relacionadas coa meteoroloxía e o clima. Un esforzo que contribúe á vez a proxectar o seu traballo a nivel nacional e europeo, onde xa está considerada unha das axencias máis importantes e punteiras dentro do seu campo.

 

Ángeles Vázquez concluíu salientando que os orzamentos da Consellería para 2023 reservan preto de 1 millón de euros para a mellora da rede de observación ambiental, prevención de riscos e análise sectorial de adaptación ao cambio climático. Entre as actuacións a financiar inclúese o mantemento de equipos como as estacións da rede da calidade do aire, pantallas de información meteorolóxica, entre outros.

Imaxes relacionadas