A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo hoxe un encontro de traballo coa xunta directiva da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo

Ethel Vázquez avanza a posta en servizo en novembro da 1ª fase da autovía Nadela-Sarria e lamenta que o goberno “eternice” as autovías de Lugo e a solución definitiva para A-6

Salienta que a Xunta está xa inmersa na redacción do proxecto da 2ª fase da autovía, que completará o percorrido desde A Pobra de San Xiao ata Lugo

Cita os investimentos previstos na mellora da LU-540, que une Viveiro e Cabreiros pola Gañidoira; a mellora do eixe Palas-Friol-Begonte, cuxa 1ª fase está en execución; ou o acondicionamento da LU-651 en Folgoso do Courel, con compromisos plurianuais que acadan os 10,8 M€

Destaca o esforzo no impulso da Rolda Leste, cun total de 6 M€ consignados para o vindeiro ano e o compromiso de someter o proxecto a información pública xa antes do remate de 2022

Lugo, 2 de novembro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a posta en servizo neste mes de novembro da 1ª fase da autovía Nadela-Sarria e lamentou que, pola contra, o Goberno “eternice” as autovías de Lugo e a solución definitiva para A-6.

 

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe un encontro de traballo coa xunta directiva da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo (APEC).

 

A conselleira informou aos empresarios das obras e proxectos concretos que recollen as contas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para o ano 2023, nas que destacan os investimentos previstos en materia de estradas, consignando 36 M€ destinados a ampliar, mellorar e conservar a rede viaria da Xunta na provincia de Lugo.

 

Ethel Vázquez remarcou os traballos que se están a ultimar entre A Pobra de San Xiao e Sarria, un treito de 11 km de autovía libre de peaxe que supón un investimento da Xunta de 25 M€. Tal e como confirmou a conselleira, se todo vai sobre o previsto, este mesmo mes a Xunta poñerá en servizo esta 1ª fase da autovía Nadela-Sarria.

 

Subliñou o fito nas comunicacións interiores de Galicia que suporá este treito de autovía, mentres a Xunta está xa inmersa na redacción do proxecto da 2ª fase, que completará o percorrido desde A Pobra de San Xiao ata Lugo. Segundo precisou a conselleira, os Orzamentos da Xunta para 2023 reservan 2 M€, con compromisos de gasto plurianual por máis de 25 M€, que acreditan que a Xunta vai avanzar sen descanso ata completar a autovía Nadela-Sarria.

 

Ethel Vázquez puxo o acento na oportunidade para o sector lucense da construción que suporá esta actuación, e tamén as demais obras que se impulsarán ao abeiro dos Orzamentos do 2023.

 

Citou os investimentos previstos na mellora da LU-540, que une Viveiro e Cabreiros pola Gañidoira; a mellora do eixe Palas-Friol-Begonte, cuxa primeira fase está en execución; ou o acondicionamento da estrada LU-651 en Folgoso do Courel, con compromisos plurianuais que acadan os 10,8 M€. Lembrou que a Xunta está a executar os traballos previstos entre Seoane e Ferrería Vella e que a finais do ano próximo se licitarán as obras para reconstruír o treito afundido.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade informou, ademais, neste encontro coa APEC de Lugo, do impulso á Rolda Leste, na capital da provincia cun total de 6 M€ consignados para o vindeiro ano e o compromiso de someter o proxecto a información pública antes de rematar 2022.

 

Tamén confirmou a disposición da Xunta a completar o Plan Paradai ou os accesos ao Porto Seco de Monforte, que permanecen bloqueados desde hai tempo polo Concello de Lugo, no primeiro caso, e polo Adif, no segundo.

 

Ethel Vázquez referiuse ao obxectivo da Xunta de asinar, canto antes, con Adif e co Concello de Lugo o convenio para o impulso da estación intermodal da cidade, investindo case 12 M€. E tamén remarcou os 20 M€ que o departamento que dirixe destinará a garantir o transporte público e fomentar a mobilidade sostible en Lugo.

 

En canto ao saneamento das rías, lembrou que nos Orzamentos de 2023 hai consignados 20 M€ para axudar aos concellos nas súas competencias en materia de augas. Este investimento permitirá rematar o saneamento da ría de Viveiro, iniciar as obras de mellora do saneamento de Burela e construír a nova depuradora de Foz, ademais da de Monterroso, entre outras actuacións.

 

A conselleira fixo fincapé nos presupostos como a expresión máis clara da vontade política dun Goberno. Uns orzamentos que revelan unha determinación clara a contribuír ao progreso e benestar de Lugo con case 80 M€ destinados a esta provincia, que rexistra o maior gasto per cápita, con máis de 242 € por habitante.

 

Confrontou o grande esforzo investidor da Xunta, especialmente, para mellorar e rede viaria autonómica na provincia, cos Presupostos Xerais do Estado en Galicia. A este respecto, Ethel Vázquez lamentou que un ano máis os Presupostos Xerais manifestan a vontade de “eternizar” as autovías do Estado na provincia: “estirando como un chicle a execución da conexión Lugo-Santiago, mantendo no caixón pechado as autovías da Mariña e de Lugo-Ourense, e demorando moito máis alá do razoable a solución definitiva para a reconstrución da A-6 á entrada en Pedrafita”.

 

Por último, a conselleira puxo en valor o traballo da Xunta, que tramita no Parlamento as Contas máis altas da historia da Comunidade Autónoma, con 12.620 M€, que teñen a vontade de axudarlles aos galegos a afrontar nas mellores condicións estes tempos difíciles, ademais de contribuír á dinamización da economía e do emprego cun pulo aos investimentos públicos.

 

Nese marco, os Orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade suben ata os 578 M€, o que supón 42 M€ máis que en 2022, cun incremento especialmente importante no eido dos investimentos reais, que medran case un 33%, co obxectivo de crear ou manter algo máis de 11.000 postos de traballo.

Imaxes relacionadas