A Xunta pon en marcha o obradoiro de emprego que continuará coa dixitalización do arquivo municipal de Monforte

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financia o proxecto con 507.000 euros


Os 20 participantes divídense ao 50% entre as especialidades de tratamento de datos e carpintaría, para recuperar tamén mobiliario antigo
 

Lugo, 2 de novembro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe á posta en marcha do obradoiro de emprego promovido polo Concello de Monforte de Lemos e financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 507.000 euros.

 

No proxecto participan 20 alumnos traballadores, divididos ao 50% entre as especialidades de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos, e   Traballos de carpintaría e moble. O obxectivo é continuar co labor de dixitalización do arquivo municipal que xa realizou o anterior obradoiro, clausurado no verán e ao que a Xunta destinou 350.000 euros. Ademais, neste caso vaise recuperar tamén mobiliario antigo do concello.

 

Os obradoiros son iniciativas de formación e emprego, que ofrecen aos participantes aprendizaxe, formación e experiencia laboral a través dun contrato de traballo, preparándoos en profesións con boas perspectivas de empregabilidade e proporcionándolles orientación para o emprendemento.

 

Este ano amplíase a duración dos contratos de 9 a 12 meses; ao rematar, os alumnos recibirán un certificado de profesionalidade con validez en toda España. O obradoiro dual de Monforte de Lemos inclúe incentivos á contratación para dous dos participantes, que terán a oportunidade de traballar outros tres meses máis nunha empresa da zona relacionada coas actividades aprendidas.

 

Todos os proxectos en marcha

Dende hoxe xa están en marcha os 21 obradoiros de emprego financiados pola Xunta na provincia nesta última convocatoria, que suman un investimento global de 10,7 millóns de euros, benefician a 57 concellos e supoñen a contratación de 420 traballadores desempregados.

 

Nas comarcas de Terra de Lemos, Quiroga e Chantada desenvólvense cinco obradoiros, que involucran a 12 concellos, ofrecen oportunidades laborais a 100 persoas e suman máis de 2,5 millóns de euros de investimento.

Imaxes relacionadas