Un total de 174 establecementos e pemes da provincia de Pontevedra súmanse ao 'Bono Cultura 2022' da Xunta

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou o programa de descontos na Libraría Espazo Lector Nobel da cidade, que xa conta cunha vintena de locais e empresas adheridas a esta iniciativa de incentivo cultural

O representante autonómico destacou o “novo e enorme éxito” desta campaña da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, que xa esgotou os 20.000 vales previstos

Os beneficiarios poderán empregar unha rebaixa do 50%, ata esgotar a súa axuda e no que resta de ano, na adquisición de produtos culturais de cine, libros, música, entradas para concertos, teatro e espectáculos, videoxogos e instrumentos
 

Pontevedra, 2 de novembro de 2022.-

Un total de 174 establecementos, pemes e proxectos vencellados ao sector cultural da provincia de Pontevedra veñen de sumarse ao Bono Cultura, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade para incentivar o consumo neste sector.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou esta mañá este programa de descontos na Libraría Espazo Lector Nobel da cidade de Pontevedra, na que xa hai unha vintena de locais e empresas adheridas á iniciativa, que celebra este ano a súa segunda edición tras a gran resposta cidadá e do sector na realizada en 2021.

 

O representante autonómico destacou o “novo e enorme éxito” desta campaña da Xunta que xa esgotou os 20.000 bonos de 50 euros ofertados nesta ocasión. “Tras a masiva resposta da cidadanía, aínda maior ca do ano pasado cando deron conta dos bonos en sete horas, quero animar a todos os beneficiarios a empregar estes descontos na amplísima oferta cultural que temos na provincia e en toda Galicia”, manifestou Luis López, que lembrou que a demanda “foi igual de exitosa que os bonos do comercio ou do turismo, o que demostra que dende a Xunta deseñamos axudas moi acaídas ao que queren os cidadáns, especialmente no actual contexto de inflación, e ao que precisan os sectores económicos estratéxicos”.

 

Os beneficiarios disporán dun bono, a través dun código QR gratuíto, de 50 euros que poderán empregar, con descontos do 50% ata esgotar o importe da axuda, ata o vindeiro 31 de decembro. Os produtos susceptibles de rebaixa inclúen libros, música, entradas para concertos, teatro, cine ou espectáculos, videoxogos e, como principal novidade nesta edición, instrumentos musicais.

 

A Xunta de Galicia agarda mobilizar ata 2 millóns de euros co Bono Cultura nos dous vindeiros meses, coincidindo ademais cun período de maior parón entre as campañas da Volta ao Cole e o Nadal, e ademais introduciu un cambio para subir nun 50%, ata os 30.000 euros, a contía máxima que pode facturar cada establecemento ou empresa con esta iniciativa.

 

En toda Galicia xa se sumaron un total de 444 establecementos, que terán o prazo de adhesión aberto en calquera momento ata o fin da campaña, dos que 174 pertencen á provincia de Pontevedra. Vigo, con 51 propostas, e Pontevedra, con 20, son os concellos que lideran o ránking de participantes, aínda que tamén destacan outros como Vilagarcía de Arousa (8), A Guarda (6), Ponteareas (6) ou A Estrada (5). No resto da comarca e da área de influencia de Pontevedra, tamén participan 4 establecementos de Sanxenxo, 3 de Marín, 3 de Bueu, 2 de Caldas de Reis ou 2 de Ponte Caldelas, entre outros.

 

Os participantes, ata a data, da cidade de Pontevedra son Libraría Sant Yago, Depapeis, Officeworld Vigo, Nube de Papel, Aviones de Papel, Libraría A Rotonda, Libraría Metáfora, Libraría Cronopios, Percalandia, Libraría Cao, D-Lectum, Libraría Seijas, Espazo Lector Nobel, Libraría EL Pueblo, Libraría Escolma, Libraría Baroja, A Balea das Cores, Libraría El Naranjo, Libraría Paz e Guillermo Moldes.

Imaxes relacionadas