A Xunta organiza en Monforte dous cursos sobre capacitación para o persoal de granxas de gando porcino

Trátase de dous cursos semipresenciais que se celebrarán no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos a partir do vindeiro xoves 10 de novembro, o primeiro, e o venres 11 de novembro, o segundo


Ambos impartiranse ao longo de catro días (tres online e un presencial) en horario de 16.00 a 20.00 horas
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto desenvolver dúas accións formativas en Monforte de Lemos sobre capacitación para o persoal de granxas de gando porcino. Os dous obradoiros serán semipresenciais e celebraranse no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos a partir do vindeiro xoves 10 de novembro, o primeiro, e o venres 11 de novembro, o segundo. Ambos impartiranse ao longo de catro días (tres online e un presencial) en horario de 16,00 a 20,00 horas.

O obxectivo destas formacións é que os alumnos adquiran as competencias necesarias para o traballo profesional no sector porcino, incluíndo aspectos fundamentais en materia de produción, sanidade animal, bioseguridade e aspectos medio ambientais. Para iso, o curso elaborouse de acordo ao contido establecido no anexo III do Real Decreto 306/2020, onde se atopa a regulación deste eido produtivo.

Os cursos están dirixidos á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 103, ou enviarse un correo a ceca.monforte@edu.xunta.gal.