A Xunta aposta no congreso Egurtek 2022 de Bilbao pola construción en madeira no marco do proxecto europeo Eguralt

Con máis de 1 millón de euros de financiamento, a iniciativa comunitaria enmárcase no Programa Interreg Sudoe co gallo de buscar a aplicación e difusión da innovación para a promoción da construción en altura con madeira no sudoeste europeo


En concreto, representantes da Axencia Galega da Industria Forestal contribuíron á identificación dos principais retos do sector da construción en altura con madeira e á presentación de iniciativas aliñadas con cada un destes retos


 O foro internacional de arquitectura e construción en madeira con arredor de 1.300 profesionais que se vén de celebrar en outubro no País Vasco é un dos máis importantes do sur de Europa neste sector
 

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2022

A Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de participar na xornada técnica Eguralt do congreso Egurtek 2022, que se celebrou en Bilbao o pasado mes de outubro para presentar obxectivos e progresos desta iniciativa europea enmarcada no Programa Interreg Sudoe. Alí, a técnica Azahara Soilán pertencente ao CIS Madeira, centro de innovación adscrito á Axencia, foi unha das encargadas de expoñer os avances deste proxecto que busca a aplicación e difusión da innovación para a promoción da construción en altura con madeira nos países do sudoeste europeo.

 

Así, nun primeiro taller identificáronse os principais retos do sector da construción en altura con madeira. Mentres, no segundo -celebrado en Madeiras Besteiro- presentáronse iniciativas aliñadas con cada un destes retos e desenvolvidas nas rexións Sudoe involucradas (un total de seis dentro dos territorios de España, Portugal e Francia), avaliando o seu impacto e a súa replicabilidade.

 

Cómpre sinalar que o proxecto europeo Eguralt conta con oito entidades beneficiarias dentro do espazo Sudoe para contribuír ao reto global de loitar contra o cambio climático a través da promoción do uso de materiais naturais provenientes de fontes sustentables e renovables. Financiado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, conta cun presuposto de 1.011.562,20 euros para centrarse en tres ámbitos: a promoción de vivenda pública de madeira en altura, o desenvolvemento de novos produtos tecnolóxicos en madeira e a transformación do sector madeireiro necesaria para o cambio de paradigma da construción no espazo Sudoe.  

 

Nesta xornada técnica de Egurtek 2022, foro internacional de arquitectura e construción en madeira con arredor de 1.300 profesionais implicados, participaron representantes de diversas institucións, abordando outras cuestións como a percepción dos usuarios dos edificios de madeira en España, a promoción pública de edificios de madeira en Navarra ou as solucións estruturais de madeira baseadas en especies locais. Concluíuse cunha mesa redonda na que os asistentes á xornada técnica puideron preguntar e consultar dúbidas aos relatores.

Imaxes relacionadas