A Xunta organiza en Lugo un curso sobre a etiquetaxe dos alimentos

A acción formativa terá lugar os días 8 e 9 de novembro e levarase a cabo no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2022

O Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias sobre a etiquetaxe dos alimentos. O obradoiro darase no salón de actos do Edificio administrativo da Xunta en Lugo os días 8 e 9 de novembro en horario de tarde dende as 16 ás 20 horas.

O programa deste curso aborda unha serie de nocións sobre a historia do etiquetado e o estudo de diferentes tipos de etiquetas. Así mesmo, tamén darase contido de carácter normativo e legal a nivel autonómico, nacional e europeo, xunto a unha visión crítica da actual normativa neste eido.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende informar e formar a persoas relacionadas dun xeito ou outro ca etiquetaxe dos alimentos, e que estas persoas coñezan e entendan a normativa. O curso está dirixido tanto a persoal contratado na industria agro-alimentaria ou con expectativa de selo, coma a empresas con produtos de calidade diferenciada, agricultura e gandería ecolóxica ou que realicen xestións empresariais ou comerciais.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 294 468, ou enviarse un correo a ica.mediorural.lugo@xunta.gal.