A Xunta destina preto de 14 M€ nos Orzamentos de 2023 á prestación da asistencia xurídica gratuíta

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes mantivo un encontro coa presidenta do Consello da Avogacía Galega para abordar as diferentes liñas de actuación conxunta entre as que tamén destaca a atención ás vítimas da violencia de xénero
 

O obxectivo é garantir a igualdade de condicións de toda a cidadanía no acceso á xustiza

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2022 A Xunta destina preto de 14M€ nos orzamentos de 2023 á prestación de asistencia xurídica gratuíta no marco da colaboración co Consello da Avogacía Galega. Así llo trasladou o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, á presidenta da entidade Lourdes Carballo, nun encontro para afondar nas liñas conxuntas de actuación. Na xuntanza tamén participou o director xeral de Xustiza, José Tronchoni.

 

Neste marco de acción insírese o acordo para compensar a profesionais da avogacía designados á quenda de oficio por requirimento xudicial cando non exista un recoñecemento expreso do dereito de asistencia gratuíta, no que o Goberno galego inviste cada ano 200.000 euros.

 

Segundo apuntou Diego Calvo no encontro, a Administración autonómica vén introducindo nos últimos anos tanto incrementos nas compensacións como melloras na xestión do servizo de asistencia xurídica gratuíta, fundamental para garantir a igualdade de condicións de toda a cidadanía no acceso á Xustiza. Así, en 2021 incrementáronse as compensacións económicas que perciben os profesionais da quenda de oficio, tras o aumento dun 15% de media nos baremos que perciben colexios de avogados e de procuradores da comunidade por atender este servizo.

 

Ademais, grazas ás medidas que se foron tomando, Galicia é unha comunidade que paga pronto e puntualmente as certificacións remitidas por estes entes colexiais. Desde 2010, o investimento da Xunta no servizo de asistencia xurídica gratuíta suma preto de 140 millóns de euros.

 

Atención ás vítimas da violencia de xénero

Outra das liñas fundamentais de colaboración da Xunta co Consello da Avogacía Galega que se abordaron no encontro de hoxe enmárcase no Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Trátase dos acordos a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e mais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para a atención tanto ás mulleres e menores que sofren a violencia de xénero como ás vítimas de violencia sexual.

 

Neste último caso, o Goberno galego destina 258.000 euros para que as mulleres que sofren violencia sexual dispoñan sempre dun avogado especializado en delitos contra a liberdade sexual, que a asista en relación coa denuncia e lle preste asesoramento xurídico e acompañamento iniciais, con independencia de que a vítima teña ou non recursos para litigar.

 

Canto á atención ás mulleres e menores que sofren a violencia de xénero, a colaboración do Goberno galego céntrase no financiamento e desenvolvemento de accións de formación especializada dirixidas a profesionais da avogacía. Os cursos, aos que se de destinan 40.000 euros, inclúen módulos específicos sobre menores e violencia de xénero, mulleres estranxeiras e aspectos psicolóxicos e sociais, con información dos recursos e programas existentes en Galicia.

 
A maiores, a Xunta e o Consello da Avogacía Galega colaboran no desenvolvemento de programas de mediación familiar e no ámbito penal. Garántase así o funcionamento en todas as cidades galegas da mediación familiar intraxudicial da man dos colexios de avogados xunto coas universidades, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, O Ministerio Fiscal e o Consello Xeral do Poder Xudicial.