A Xunta adxudica por máis de 286.000 € as obras para minimizar o risco de inundacións nos ríos Ulla e Sar ao seu paso por Catoira

Executaranse as obras de mellora do espazo fluvial do rego de Gondomil, no cruzamento coa estrada provincial EP-8702, incrementando a sección e implantando muros de contención ao longo de 160 metros
 

Os traballos iniciaranse no primeiro trimestre do ano, cun prazo de execución de 6 meses
 

A intervención fíxase como prioritaria no Plan específico para a xestión do risco de inundación na área de risco potencial significativo de inundación nestes ríos
 

O Goberno autonómico mantén a colaboración entre as administracións para estar mellor preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha recuperación máis rápida e mellor fronte ás súas posibles consecuencias

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 286.557 euros as obras para minimizar o risco de inundacións nos ríos Ulla e Sar, ao seu paso polo municipio de Catoira.

 

Este contrato, adxudicado á empresa Construcciones Enrique C. Casas, S.L., conta cun prazo de execución de 6 meses e céntrase na execución das obras necesarias para a mellora do espazo fluvial do rego de Gondomil, no cruzamento coa estrada provincial EP-8702, no municipio pontevedrés.

 

A Xunta, a través de Augas de Galicia, prevé iniciar as obras no primeiro trimestre do 2023. Os traballos enmárcanse no convenio de colaboración co Concello de Catoira, polo que a Xunta asume integramente o seu financiamento e execución e a entidade local comprométese á posta disposición dos terreos necesarios e ao mantemento e conservación das actuacións levadas a cabo.

 

As intervencións serán cofinaciadas con fondos FEDER, no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

 

Esta intervención está identificada como prioritaria no Plan específico para a xestión do risco de inundación na área de risco potencial significativo de inundación nestes ríos.

 

Máis en detalle, a contorna do rego Gondomil ten variado ao longo do tempo, provocando a redución do ancho da ocupación do conca, o que se traduce nunha diminución da capacidade de desaugamento e un menor espazo para desbordamentos controlados nas súas marxes.

 

Para solventar estes problemas, as obras obxecto deste contrato ocuparanse do acondicionamento do rego Gondomil incrementando a súa sección e implantando muros de contención, tanto de coieira como tipo ‘Krainer’ ao longo de aproximadamente 160 metros.

 

Para iso, executarase unha canle de augas baixas cun ancho de 1,75 metros e unha altura de 35 centímetros. O leito proxéctase limitado por muros de coieira.

 

A continuación, executarase unha zona de anchura variable e pendente do 2,5% cara á conca, na que se disporá dunha xeomalla biodegradable. Para salvar a diferenza de cota entre o terreo actual e a conca dispóñense muros de coieira e tipo ‘Krainer’, en función da altura, e nalgunhas zonas modificaranse as seccións unicamente nunha das marxes.

 

Ao remate deses traballos, reporanse e acondicionaranse as zonas afectadas polas obras.

 
O Goberno galego mantén a colaboración entre as administracións para estar mellor preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha recuperación máis rápida e mellor fronte ás súas posibles consecuencias.

Imaxes relacionadas