A Xunta defende a conservación do patrimonio natural a través de iniciativas culturais co apoio do programa ‘O teu xacobeo’

A delegada da Xunta en Vigo participou este luns na presentación dos resultados de 'Stop and help!', que o lixo non chegue ao mar”
 

O proxecto posto en marcha polo Colexio Oficial de Biólogos creou unha obra de arte cos refugallos recollidos no Camiño da Costa
 

Vigo, 31 de outubro de 2022

  A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este luns na presentación dos resultados de Stop and help!, que o lixo non chegue ao mar, un proxecto impulsado polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e que forma parte do programa 'O teu Xacobeo'.

O principal obxectivo da iniciativa consiste en fomentar a conservación do patrimonio natural a través dunha serie de xornadas de limpeza de lixo mariño desenvolvidas en diferentes praias e enclaves costeiros de varios dos concellos atravesados polo Camiño Portugués da Costa. “Temos a obriga de protexer os noso patrimonio e a colaboración é o camiño que debemos que seguir, porque as nosas riquezas naturais son tesouros a protexer sen ningún tipo de obxeccións”, sinalou a representante autonómica.
 

Fernández-Tapias defendeu a conciencia social sobre o problema que sofre o planeta debido aos refugallos mariños. “A nosa obriga é, tal e como explicades hoxe, que o lixo non chegue ao mar nesta marabillosa zona pola que transitan miles de peregrinos”, sinalou. Ademais, salientou o programa “O Teu Xacobeo”, iniciativa coa que a Xunta de Galicia diversificou, entre moitos colectivos e a través de moitos pequenos actos, a importancia do Camiño de Santiago.

A delegada da Xunta estivo acompañada na presentación polo decano do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, José A. Fernández Bouzas, e o seu xerente, Pablo Fernandes Alonso. Contou tamén coa participación de Saleta González Pimentel, xerente de Equilátero DSC, e Carme Hermo Sánchez e Antón Sobral Iglesias, artistas que participaron no proxecto.
 

Case 200 voluntarios

Segundo relataron desde o Colexio de Biólogos, foron preto de 200 as persoas voluntarias que colaboraron nas diferentes actuacións de retirada de refugallos mariños nos concellos de A Guarda, o Rosal, Baiona e Nigrán.

Todo eles pertencen a asociacións do terceiro sector, entre as que están Alento, Avelaíña, Anabam, a Asociación San Xerome Emiliani, A Jalleria, o Consello Climático Xuvenil de A Guard e Cruz Roja Baixo Miño, así como estudantes e profesores do CEP Sabarís de Baiona e do IES Antón Losada Diéguez de A Estrada.
 
Polo que respecta aos residuos, en total, no conxunto das catro limpezas desenvolvidas, conseguíronse recoller máis de 310 quilos, tanto de orixe mariña como continental. Entre os primeiros destacaron moitos utensilios extraviados durante o exercicio das actividades económicas desenvolvidas no mar, como os tarugos plásticos das bateas, as boias (27), ou os restos de cabos (271) e sedelas enmarañadas (90), mentres que nos segundos non faltaron outra serie de obxectos típicos que adoitan a recollerse neste tipo de actividades, como poden ser os bastonciños de limpar os oídos (305), as cabichas (1645), os tapóns (245), os botes e botellas (120), así coma outra serie de envoltorios e plásticos indeterminados (1640), por citar tan só algúns.
 

“Mundo lixo”

A xornada completouse coa presentación dunha obra de arte dirixida por Carme Hermo en colaboración con Antón Sobral e realizada polas alumnas e alumnos de primeiro curso do Bacharelato de Artes do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra. Con parte dos residuos recollidos durante as diferentes actuacións de limpeza, crearon unha peza titulada “Mundo lixo”, que ficará exposta no Centro de Visitantes do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, no edificio Cambón, coa finalidade de servir de memoria viva na loita contra os lixos mariños e as súas nefastas consecuencias sobre o medio ambiente.

Ademais, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia anunciou que doará tamén ao Parque Nacional, un determinado número de pés de diferentes tipos de especies arbóreas autóctonas co fin de compensar todas as emisións de CO2 xeradas polos diversos desprazamentos realizados ao longo do proxecto.

Imaxes relacionadas