A Xunta e a Universidade de Santiago impulsan a colaboración no eido da medicina legal e forense a través do instituto ‘Luís Concheiro’

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o reitor da USC, Antonio López, ratificaron o acordo que establece as liñas conxuntas de acción neste eido
 

O Goberno galego cofinancia con 200.000 euros o funcionamento do centro universitario como apoio ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) na realización de probas de toxicoloxía e xenética
 

A cooperación esténdense ao desenvolvemento de actividades docentes e ao apoio ás facultades para proporcionarlles aos estudantes experiencia no ámbito de actuación de ambos institutos

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, ratificaron hoxe o convenio de colaboración no eido da medicina legal e forense nun encontro ao que tamén asistiu o director xeral de Xustiza, José Tronchoni. Ao abeiro desta liña de cooperación, o Goberno galego cofinancia con 200.000 euros o funcionamento do Instituto de Ciencias Forenses Luís Concheiro, dependente da universidade e que lle está a prestar apoio ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

 

Deste xeito, o Instituto Luís Concheiro realiza as probas de toxicoloxía e xenética forenses que precisen os médicos forenses do Imelga ou os xuíces ou fiscais, así como as solicitadas polos corpos e forzas de seguridade que sexan acordadas pola autoridade xudicial.

 

Segundo recolle o acordo, trátase de probas de investigación de paternidade e de investigación xenética derivadas de expedientes acollidos ao beneficio de xustiza gratuíta, así como as acordadas pola autoridade xudicial ou a instancia do Ministerio Fiscal. Os servizos de Toxicoloxía e Xenética forenses realizan tamén as análises biolóxicas, clínicas, toxicolóxicas ou criminalísticas que soliciten as autoridades xudiciais ou médicos forenses do Imelga, ademais das análises de alcoholemia solicitadas por esas autoridades e funcionarios ou polas unidades de policía xudicial en procesos penais.

 

Neste marco de colaboración, en 2021 realizáronse 958 probas de toxicoloxía, que supuxeron 1.797 análises, e 113 probas xenéticas nun total de 488 mostras para o xenotipado de diversos marcadores xenéticos.

 

Colaboración en actividades docentes

Outra das liñas de cooperación entre a Xunta e a universidade compostelá céntrase no desenvolvemento de actividades docentes en mestrado e doutoramento, así como de xeito xeral coas facultades de Medicina, Odontoloxía e Dereito, para proporcionarlles aos estudantes experiencia no ámbito de actuación de ambos os dous institutos. A maiores, realízanse accións formativas para especialistas en medicina legal e forense en colaboración e coordinación co Imelga.

 

O convenio establece tamén o compromiso de  estimular e dar apoio á colaboración e coordinación entre o Instituto de Ciencias Forenses Luís Concheiro e o Instituto de Medicina Legal de Galicia en materia de investigación e a promover este eido en todos os programas de I+D+i.

 

As accións conxuntas que veñen desenvolvendo ambos os institutos enmárcanse na filosofía de optimización dos recursos públicos coa que foi creado o Imelga, en 2005. Así, o instituto foi dotado dos servizos de Patoloxía e Clínica, e non do de Laboratorio, coa previsión de establecer instrumentos de colaboración co Instituto Luís Concheiro para a utilización dos seus servizos, e en particular para a investigación medicolegal.

 

Imaxes relacionadas