O director de Industrias Culturais participou na presentación deste proxecto, que arrancará cun concerto inaugural de Mercedes Peón este sábado no Castelo

Vimianzo presenta ‘A Costa da Vida’ para a dinamización sociocultural das súas parroquias dentro do programa da Xunta Territorio Cultura

O proxecto do Concello vimiancés forma parte da quincena de propostas adxudicatarias da primeira convocatoria deste fondo, a través do que se investirá preto de 1,3M€ na ampliación e diversificación da oferta cultural en zonas non urbanas
 

O groso da súa programación concentrarase entre os meses de xaneiro e marzo con música, teatro, humor e narración oral a cargo tanto de coñecidos nomes do actual panorama cultural galego como de formacións e artistas locais

Vimianzo (A Coruña), 31 de outubro de 2022 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participou hoxe en Vimianzo na presentación do novo proxecto A Costa da Vida, organizado polo devandito Concello co apoio da Xunta para favorecer a dinamización sociocultural das súas parroquias. Esta programación, centrada nas artes escénicas e na música, forma parte da quincena de pospostas adxudicatarias da primeira convocatoria do fondo Territorio Cultura, que xestiona a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a través do que se investirá preto de 1,3 millóns de euros en iniciativas públicas e privadas para ampliar e diversificar a oferta cultural no rural galego.

 

A Casa da Cultura acolleu este acto, no que tamén tomaron a palabra a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a creadora Mercedes Peón, quen protagonizará o concerto inaugural deste programa este sábado 5 de novembro. Será co seu espectáculo Déixaas, xunto a Ana Fernández e Mónica de Nut, nun formato especial adaptado ao Castelo de Vimianzo.

 

Núcleos rurais de 40 municipios

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades explicou que esta primeira quenda de Territorio Culturaestá a “incidir directamente en núcleos rurais de 40 municipio de toda Galicia, nos que se desprega unha ampla variedade de iniciativas de creación, investigación, difusión e formación en música, artes escénicas, cinema, literatura ou artes plásticas, entre outros ámbitos”.

 

Sutil lembrou, así mesmo, que Galicia foi a primeira Comunidade autónoma en poñer en marcha este programa mediante a súa propia convocatoria de subvencións dentro do plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU. O seu obxectivo é reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural para acadar un tecido sólido máis alá dos grandes núcleos urbanos e contribuír, xa que logo, a incrementar a actividade cultural nas zonas rurais, entendida como un motor de cambio, dinamización e transformación social

 

De xaneiro a marzo

No caso de A Costa da Vida, o groso do programa concentrarase entre os meses de xaneiro e marzo de 2023 cunha vintena de actuacións de teatro, música, humor e narración oral, como os espectáculos Dous no camiño, As alumnas e Feo, os concertos de Píscore, Acordereita, Pan Sen Fron, Caamaño & Ameixeiras e Carapaus, e os monólogos de Marta Doviro, Vero Rilo e Avelino González, entre outras.

 
Tamén forman parte desta carteleira formacións da zona como os grupos de pandeireteiras de Carnés, de Treos, de Berdoais e de Baíñas ou os de gaitas de Carantoña e da Asociación Cultural Trubisquiña.

Imaxes relacionadas