A Xunta concede 3,45 M€ a entidades municipais para construír puntos limpos destinados á recollida separada e para mellorar as instalacións existentes

Chantada (Lugo), 31 de outubro de 2022

  A Xunta concede 3,45 millóns de euros en axudas ás entidades municipais para construír puntos limpos destinados á recollida separada e para mellorar as instalacións existentes, segundo avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha visita a Chantada.

Máis polo miúdo, a conselleira explicou que dos 30 proxectos que resultaron beneficiarios desta liña de subvencións para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal, 10 teñen como fin a construción de novas instalacións para o depósito de distintos fluxos de residuos domésticos para o que contarán cun financiamento de 2,26 M€. Os 20 restantes recibirán 1,18 M€ para optimizar as condicións de instalacións xa operativas.
 

Este é o caso do Concello de Chantada, que recibirá máis de 76.000 euros para mellorar o punto limpo municipal con actuacións como a ampliación do peche perimetral, impermeabilización da soleira ou adquisición de maquinaria, contedores, gaiolas, cartelería e sistemas de videovixilancia.

Coa resolución desta convocatoria, que sairá publicada o vindeiro mércores no Diario Oficial de Galicia, apoiase o cumprimento dos obxectivos impostos polo actual marco normativo en materia de residuos municipais, toda vez que os puntos limpos ofrecen un servizo necesario á cidadanía como punto de achega de aqueles residuos de especiais características que non se deben mesturar cos refugallos recollidos mediante os canles habituais de recollida municipal.
 
A maiores, Ángeles Vázquez explicou que estas axudas se enmarcan nunha importante batería de actuacións desenvolvidas polo Goberno galego para colaborar cos concellos co fin de potenciar a xestión e recollida en orixe da fracción orgánica dos residuos municipais, para minimizar a vertedura final en depósitos controlados e para desenvolver as infraestruturas necesarias para tratar os refugallos xerados e acadar os obxectivos propostos.
 
Nesa liña de seguir apoiando o “esforzo” das entidades municipais neste eido, a Xunta reserva preto de 19 M€ nos orzamentos de 2023 para mellorar a recollida e tratamento de residuos con actuacións como a construción de puntos limpos, iniciativas de compostaxe da fracción orgánica, o tratamento doutro tipo de refugallos domésticos especiais como aceite ou téxtiles e o desenvolvemento dun plan de apoio á implantación da normativa de residuos.
O obxectivo do Goberno galego é colaborar coas entidades locais para avanzar cara á economía circular e no cumprimento dos obxectivos comunitarios de minimización de residuos e fomento da preparación para a súa reutilización e reciclaxe.

Rede de puntos limpos

Así, segundo lembrou a conselleira, nos últimos 3 anos outorgáronse axudas por un importe total de máis de 12 M€ para contribuír a financiar máis de 300 iniciativas impulsadas por concellos e mancomunidades e agrupacións de municipios nesta materia.

Deste xeito, na actualidade Galicia conta con 150 puntos limpos, dos que 129 foron construídos pola Xunta cun investimento de máis de 30 M€ desde 2001; e, a maiores, tamén dispón de 107 puntos limpos móbiles que foron adquiridos polos concellos nos últimos 4 anos grazas aos preto de 5 M€ que lles outorgou o Goberno galego para a súa compra. Polo tanto, a rede de puntos limpos de Galicia dá servizo actualmente ao 92,23% da poboación.

Imaxes relacionadas