A Xunta recibe 7 ofertas de empresas para a construción da nova depuradora de Urdilde, no Concello de Rois, cun investimento de máis de 915.000 euros

Executarase unha nova planta de tratamento de augas residuais para dar servizo aos núcleos da Calle e de Macedos

 

 A obra responde á solicitude do Concello para arranxar as deficiencias do sistema de depuración do núcleo urbano desta parroquia e enmárcase na colaboración asinada coa entidade local, pola que a Xunta achegará o 80% do investimento 

 

A nova depuradora poderá dar tratamento ás augas residuais de 546 habitantes equivalentes e estará dimensionada para a conexión futura de toda a parroquia á rede de saneamento
 

O Goberno galego segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 7 ofertas de empresas para a construción da nova estación depuradora de augas residuais no lugar da Calle, na parroquia de Urdilde, que dará servizo ao núcleo urbano da Calle e ao núcleo e Macedos.

 

As actuacións proxectadas pola entidade hidráulica da Xunta teñen como obxectivo a mellora do saneamento neste municipio coruñés. Os traballos suporán un investimento total de 915.000 euros e contan cun prazo de execución de 8 meses.

 

Con esta intervención a Xunta responde á solicitude trasladada polo Concello para arranxar as deficiencias do sistema de depuración do núcleo urbano de Urdilde, con carencias no deficiente funcionamento da depuradora, na accesibilidade para poder realizar as operacións de mantemento e na distancia ata o punto de vertido, próximo ao rego dos Casteláns, a 350 metros.

 

A actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado con este Concello, polo que a Xunta achegará o 80% do investimento e executará as obras; e a administración local financiará o 20% restante e asumirá as xestións para posibilitar os traballos, a recepción, mantemento e conservación da infraestrutura hidráulica unha vez realizada a obra. 

 

Esta intervención será financiada pola Unión Europea, no marco do eixe REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

 

O detalle das actuacións

O actual sistema de depuración do que dispón o núcleo da Calle, en Urdilde, no concello de Rois, presenta deficiencias de funcionamento, carencias respecto da accesibilidade para poder realizar as operacións de mantemento e unha elevada distancia ao punto de vertido. 

 

A Xunta e o Concello coinciden na necesidade de abordar a mellora do sistema de depuración das augas residuais deste núcleo, a través da construción dunha nova depuradora en Urdilde, localizada máis preto do punto de vertido.

 

Deste xeito, garantirase o cumprimento dos obxectivos de vertedura ao medio receptor, dimensionando a depuradora para a conexión futura de toda a parroquia á rede de saneamento, de tal modo que a depuradora proporcione tratamento á totalidade das augas residuais producidas na área.

 

Segundo o proxecto redactado por Augas de Galicia, as obras obxecto do contrato licitado comprenden a execución dunha nova estación de tratamento de augas residuais con sistema de depuración por biodiscos e o desmantelamento da depuradora actual de Urdilde, que se manterá en funcionamento ata a entrada en servizo da nova infraestrutura.

 

O novo sistema estará dotado de arqueta de chegada, by-pass xeral, desbaste mediante dobre canle, pretratamento mediante tanque Imhoff, con zona de decantación e zona de dixestión, tratamento biolóxico e medida de caudal de auga tratada.

 

Ademais, executaranse 519 metros de colector desde a estación actual ata a arqueta de entrada da futura depuradora, e disporase de 61 metros de colector desde a arqueta de saída ata o punto de vertido. Tamén se acondicionará o acceso á nova depuradora.

 

A nova depuradora de Urdilde non só terá capacidade para tratar as augas de 546 habitantes equivalentes do núcleo urbano da Calle e de Macedos, senón que estará dimensionada para a conexión futura de toda a parroquia á rede de saneamento.

 

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento, depuración e abastecemento e  continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.