A Xunta publica unha nova orde de axudas a concellos para a posta en marcha de unidades de atención temperá

O Goberno galego destinará ata novembro de 2024 case 12 millóns de euros para abrir novos centros e consolidar os xa existentes

Subvencionará o mantemento de máis de 50 unidades por toda Galicia

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2022 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Xunta para que os Concellos ou agrupacións de Concellos poñan en marcha unidades de atención temperá. O Goberno galego saca unha convocatoria á que destina 11,8 millóns de euros e que permitirá a consolidación das 42 unidades xa existentes, e a creación doutras dez ata superar un total de 50.

 

A Administración autonómica pon en marcha unha convocatoria plurianual, ata o 2024, o que permitirá financiar para os próximos exercicios sen necesidade de novos trámites este servizo, destinado a nenos de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos. O prazo para presentar solicitudes a esta orde de axudas será dun mes.

 

Coa creación das novas unidades, ao abeiro desta orde de axudas, agárdase acadar os 3000 nenos atendidos nestes centros en toda Galicia. Na actualidade, ademais das unidades de titularidade municipal, Galicia dispón de recursos de atención temperá nos hospitais públicos e tres unidades nas comarcas do Deza, Salnés e Bergantiños, xestionadas pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT).

 
Desde o 2009, a Xunta reforzou a aposta pola atención temperá ao multiplicar por trece a súa extensión. Pasou de cubrir 15 concellos no ano 2009 a atender a 200 na actualidade. Este servizo é fundamental para actuar sobre os trastornos que poden sufrir no desenvolvemento os nenos de ata 6 anos. É un modelo baseado na prevención, na identificación e no tratamento precoz; e facilita aos pequenos ferramentas para gañar autonomía desde a infancia.

Imaxes relacionadas