A Xunta destina 600.000 euros en axudas para realizar actividades de interese agrario

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan estas achegas, dirixidas ás organizacións profesionais e asociacións agrarias


Os interesados disporán dun mes, contado dende o día seguinte da publicación desta orde, para presentar as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos
 

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas ás organizacións profesionais e asociacións agrarias para a realización de actividades do seu interese. Conta cun orzamento total de 600.000 euros.

A finalidade destas achegas é a realización de actividades de representación e de formación dos asociados das organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas e con implantación en Galicia e dos agricultores galegos en xeral.

Serán subvencionables as funcións e actuacións que lles son propias conforme á normativa legal, funcións ordinarias de xestión interna, representación perante as institucións e a participación nos órganos colexiados que foron constituídos pola Administración galega para a defensa dos intereses dos seus representados.

Os interesados disporán dun mes, contado dende o día seguinte da publicación desta orde no DOG, para presentar as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se atopa en https://sede.xunta.gal.