A Xunta abre este mércores 2 de novembro o prazo para descargar o Bono Cultura

Poranse en circulación 20.000 vales que calquera persoa maior de idade poderá obter na web bonocultura.gal e empregar ata o 31 de decembro

Terán un 50% de desconto nas súas compras de libros, música, entradas para museos, cines, concertos ou espectáculos escénicos, entre outras

Xa hai case 400 empresas adheridas en toda Galicia que poden seguir sumándose ata o 14 de novembro

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2022

O mércores 2 de novembro abre o prazo para descargar o Bono Cultura da Xunta, o programa de descontos do 50% na compra de produtos ou utilización de servizos culturais ao que o Goberno autonómico dá continuidade este ano para favorecer o fortalecemento do sector e axudar a particulares e negocios no contexto económico de suba de prezos.

 

Poderá facerse con el calquera persoa maior de idade que teña a súa residencia en Galicia e a descarga estará activa a través da web bonocultura.gal, onde se emitirá en formato dixital a través dun código QR.

 

Os bonos teñen un valor de 50€ por usuario para gastar nos distintos establecementos que se adhiran. As súas compras terán un desconto do 50% ata esgotar o crédito. Os produtos e servizos que se poderán adquirir non varían con respecto á edición anterior: a compra de música gravada en CD ou vinilo, películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos e calquera tipo de institución cultural (museo, casa-museo...), salas de cine, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras.

 

Prazo para empresas

Xa están adheridas preto de 400 empresas do sector, unha cifra que poderá seguir medrando xa que o prazo para que os negocios se sumen continúa aberto ata o 14 de novembro. As entidades poden consultarse tamén en bonocultura.gal.

 

A Consellería de Cultura, Educación, FP e universidades destina 1M€ ao Bono Cultura 2022 coa intención de mobilizar 2M€. Esta é unha das moitas medidas que a Xunta pon en marcha este ano para impulsar o sector cultural. O vindeiro ano destinará 104 millóns de euros á Cultura, un 8,5% máis que o ano pasado.

Imaxes relacionadas