A Xunta publica un portal web que irá incorporando toda a documentación e información do inventario forestal continuo de Galicia

A nova páxina inclúe un visor cartográfico e un centro de descargas con todos os datos capturados polas parcelas de inventariación ata o momento
 

Por exemplo, os novos mapas de usos e especies forestais de media e alta resolución do distrito XIV Verín-Viana xa están a disposición pública e os resultados amosan unha suba da superficie ocupada por especies de frondosas caducifolias
 

O obxectivo global é coñecer a situación dos recursos forestais de Galicia e desenvolver plenamente a necesaria produción científica e académica en materia de inventarios forestais dos bosques galegos

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2022 A Consellería do Medio Rural -en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia- vén de desenvolver un novo portal web con toda a documentación e información do Inventario forestal continuo de Galicia. Trátase dunha páxina moi completa, onde se pode acceder a un visor cartográfico para a súa consulta ou a un centro que permite descargar diversos datos.

 

Nese senso, cómpre apuntar -por exemplo- que os novos mapas de usos e especies forestais de media e alta resolución do distrito XIV Verín-Viana xa están a disposición pública e os resultados amosan unha suba da superficie ocupada por especies de frondosas caducifolias. Así mesmo, poden verse as presentacións do proxecto do Inventario, artigos científicos, así como todo o relacionado cos cursos gratuítos de formación para poder participar como persoal de campo na toma de información das parcelas de inventariación.

 

A nova web enmárcase no convenio de colaboración asinado pola Consellería do Medio Rural e as universidades de Santiago de Compostela (USC) e Vigo (UVigo) en 2020, de cara ao desenvolvemento do referido Inventario forestal continuo. As actuacións comprendidas no acordo están dirixidas a realizar un traballo conxunto entre as institucións para coñecer a situación dos recursos forestais de Galicia e desenvolver plenamente a necesaria produción científica e académica en materia de inventarios forestais dos bosques galegos.

 

Nesa liña de colaboración, estanse a elaborar de xeito continuado resultados en forma de mapas e de datos provenientes das parcelas de inventariación que están a recoller as brigadas da empresa pública Seaga baixo os protocolos establecidos polas universidades galegas, e que serán os que se irán reflectindo na páxina web que se vén de estrear.

 
 

Consello Forestal de Galicia

Cabe lembrar que no ano 2018 o Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia sinalaba que era necesario crear un “Sistema de Información e Estatística Forestal de Galicia, como mecanismo que permitise facer diagnoses adecuadas e ser unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal.”

 

Comezados os traballos do Inventario forestal continuo, a Consellería do Medio Rural dirixiuse -en cooperación coas universidades galegas- ás entidades que compoñen o Consello Forestal de Galicia para trasladarlles unha enquisa electrónica co fin de coñecer as solucións ou requirimentos técnicos que as organizacións, asociacións e entidades involucradas no sector forestal galego desexaban que incorporase o Inventario. Logo deste proceso inicial de escoita, acádanse xa máis de dous anos de traballos para dar resposta ás demandas establecidas polo Consello Forestal de Galicia.

 
 

Acceso á web do Inventario forestal continuo: https://invega.xunta.gal/

Acceso ao visor cartográfico: https://invega.xunta.gal/invega/web/visor-gis

Departamento:
C. do Medio Rural