Mirta Sueiro asume a dirección xeral de Sogama

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2022

  Mirta Sueiro vén de asumir a dirección xeral de Sogama, substituíndo no cargo a Isidro García, que cesou no seu posto tras acollerse á xubilación. Este cargo, que depende organicamente da presidencia executiva da compañía, que ostenta, desde principios de 2015, Javier Domínguez, leva asociadas responsabilidades nas áreas técnica, I+D+i, prevención de riscos e recursos humanos.

 

Enxeñeira técnica industrial pola Universidade de Vigo e enxeñeira química pola de Santiago de Compostela, con Premio Extraordinario Fin de Carreira en ambas as dúas titulacións, así como premio ao mellor Proxecto Final de Carreira, o seu currículo académico complétase cun Máster de Instrumentación e Control ISA-REPSOL, polo Centro Superior de Formación de Repsol Madrid, e un Máster en Xestión Empresarial pola Universidade Autónoma de Barcelona. Tamén participou no Programa Multicompañía-Transforma para incorporar talento novo a Comités de Dirección, así como no Programa Executivo para Líderes Emerxentes ESADE Proxecto Progresa.

 

Conta, así mesmo, cunha dilatada experiencia profesional en Enagas, onde asumiu distintos postos: desde os de carácter máis técnico (xestión de activos, enxeñería e construción) ata os máis comerciais e de desenvolvemento de regulación no sector enerxético.

 

O último cargo que desempeñou antes da súa incorporación a Sogama foi o de Responsable do Programa de Transformación Dixital “ALFIL”, dentro da Dirección Xeral de Infraestruturas. Así mesmo, participou en distintos grupos de traballo, tanto europeos como internacionais, vinculados ao medio ambiente e a sustentabilidade.

Imaxes relacionadas