García Comesaña subliña a importancia da detección precoz na abordaxe da enfermidade reumatolóxica inflamatoria

A atención integral deste tipo de enfermidades representa un dos principais retos e prioridades para o Servizo Galego de Saúde

Como criterio xeral, para evitar a aparición dun cadro infeccioso, é recomendable a administración vacinas inactivadas, en canto se obtén unha diagnose da enfermidade
 

Vigo, 29 de outubro de 2022.-

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta mañá, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a “Xornada de Artropatía Psoriásica” que organiza ASEARPO, e na que expertos nesta enfermidade das articulacións abordarán os últimos avances xurdidos ao redor da doenza.

O titular da carteira sanitaria da Xunta remarcou o papel fundamental que xoga a prevención e a detección precoz deste tipo de enfermidades. Así, destacou que aparición de tratamentos biolóxicos, no ano 2000, contribuíu en gran medida á remisión da enfermidade.

Nesta liña, destacou que, como criterio xeral, para evitar a aparición dun cadro infeccioso, é recomendable a administración vacinas inactivadas, en canto se obtén unha diagnose da enfermidade e, sempre que sexa posible, antes do inicio da terapia biolóxica.

Un reto e unha prioridade para o Sergas

As enfermidades reumáticas son un tipo de patoloxías que posúen distinta orixe, prognóstico e tratamento. A súa diversidade de manifestacións, unidas ao feito de que poden aparecer en calquera idade, representa uns dos grandes retos e prioridades do Servizo Galego de Saúde”, segundo apuntou o titular de Sanidade.

Neste senso, enumerou algunhas das medidas implementadas para mellorar a atención deste tipo enfermidades, cuxa prevalencia é moi elevada, e que poden chegar a ser moi incapacitantes para a persoa que as sofren, en especial se se cronifican.

García Comesaña apuntou que o sistema sanitario público galego ten regulado a súa abordaxe integral grazas á coordinación dos servizos de atención primaria e hospitalaria, a existencia de vías rápidas no Sergas para a detección precoz da artrite, ou ao seguimento asistencial a través da plataforma Telea.

Na mesma liña, salientou que, o pasado mes de xullo, a Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica actualizou o “Protocolo de tratamento con fármacos antirreumáticos modificadores da enfermidade na artrite psoriásica”, incorporando novos fármacos, coa finalidade mellorar o control dos signos e síntomas e preservar a capacidade funcional dos pacientes.

O conselleiro pechou a súa intervención agradecendo a celebración desta xornada dado que “redundará nun beneficio directo para as persoas con este tipo enfermidade”, e apostou pola innovación e investigación para mellorar a práctica clínica e calidade de vida dos doentes.

Imaxes relacionadas