A Xunta destina este ano máis de 4,6 M€ en axudas para a adquisición de equipamentos deportivos

Trátase do importe anual máis elevado e un 77% por riba da contía de 2021

O Goberno galego leva destinados desde 2019 case 10,4M€ ás subvencións para a compra de material deportivo e das que se beneficiaron un total de 1.741 entidades
 

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2022.-

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a segunda convocatoria do ano 2022 para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos. Esta segunda convocatoria do ano en curso chegará ata preto dos 4 millóns de euros que se estima que beneficien a 717 entidades e que se suman aos case 700.000 euros da primeira convocatoria resolta no pasado mes de agosto e que beneficiaron a 97 entidades. Polo tanto, prevese un total de 4,6 millóns de euros cos que chegar a máis de 800 beneficiarios.

Con todo, a contía total que se investirá en 2022 para a adquisición de equipamentos deportivos acadan o máximo histórico anual dirixido a este obxecto e representan o 44,61% do total do investimento da Xunta no período 2019-2022 e o 46,7% de entidades beneficiarias neste mesmo período.

Dende o exercicio 2019, o Goberno galego destinou un total de 10,3 millóns de euros a subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos, resultando beneficiarias un total de 1.741 entidades.

Cómpre lembrar que no ano 2021 tamén se publicara unha segunda convocatoria para equipamentos deportivos por importe de 1,9 millóns de euros que sumados aos 700.000 euros da primeira acadaron un total de 2,6 millóns de euros para equipamentos deportivos durante todo o ano 2021. O importe total destinado neste 2022 para equipamentos deportivos, supera nun 77% ao consignado no pasado exercicio.

80% do gasto subvencionable

Do mesmo xeito que en anos anteriores, a relación de equipamentos deportivos subvencionables non será limitativa podéndose ampliar a lista de material inventariable sempre que quede xustificada a súa utilización para a práctica deportiva desenvolta.

As entidades beneficiarias deben estar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia á data da publicación da convocatoria anual de subvencións e ter actualizados os seus estatutos ás disposicións vixentes en materia deportiva.

O financiamento outorgado polo Goberno galego será do 80% do gasto subvencionable establecéndose como importe mínimo unha contía de 1.000 euros e máximo de 10.000 euros por entidade, equiparándose por vez primeira a máxima contía dos clubs es das sociedades anónimas coa das federacións. Precisamente, para as federacións deportivas resérvase o 30% do orzamento total da convocatoria.

A adquisición do equipamento deportivo por parte das entidades solicitantes dependerá da puntuación acadada segundo a aplicación dos criterios establecidos. Nesta convocatoria daráselle maior peso aos méritos da entidade deportiva así como ao ámbito subxectivo do uso do equipamento.

Ademais, as entidades que recibiron axuda en 2021 poderán volver recibir subvención na convocatorias de 2022. Non obstante as entidades que non recibiran subvención neste exercicio contarán con 20 puntos co obxectivo de achegar estas subvencións ao máximo de entidades posibles ao longo desta lexislatura.